BNG reclama medidas para que os médicos da Atención Primaria non fuxan espantados polas condicións de Sanidade
A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, reclamou o goberno do PP que tome as medidas necesarias para reter os médicos de Atención Primaria e que non fuxan “espavorecidos” polas condicións laborais que lles impón o Sergas. “Non é suficiente con reclamar máis prazas se os profesionais non teñen condicións laborais dignas, se non se prestixia a sanidade pública ou se non se establecen os criterios para que os rateos permitan unha atención de calidade”, asegurou.
Prado reclamou ademais o PP que no simule a estratexia da ultradereita, creando un relato fraudulento sobre as causas da falta de médicos na vez de tomar medidas para solucionar o déficit. Segundo destacou, só o pasado ano nas catro áreas sanitarias de Santiago, Pontevedra, Lugo e A Coruña remataron a formación MIR da especialidade de Familia 79 profesionais, pero tan só trinta decidiron acollerse ao contrato en Atención Primaria que lles ofrecía o Sergas. O resto, 49, fuxiron das malas condicións laborais e das condicións nas que se atopa este elo de entrada á sanidade pública.
A deputada nacionalista acusou ademais o PP de levar anos obviando as advertencias feitas polo BNG sobre a necesidade de tomar medidas para garantir o relevo xeracional. “O PP non planificou nin a curto nin a medio nin a longo prazo”, denunciou, enmarcando a negativa dos populares a unha “folla de ruta” que pasa por deteriorar a sanidade pública para beneficiar o negocio da privada.
No mesmo sentido, criticou considerou “inaceptable” que a única solución da Consellería de Sanidade ao déficit de médicos e médicas sexa someter os que hai a unha “situación límite”, traballando “máis horas, máis días e máis anos”. “Deixen de burlarse dos e das profesionais”, reclamoulle aos populares, ao tempo que emprazou o Goberno de Rueda a “coidar do persoal” rematando coa súa política de “precariedade e explotación”.
Co obxectivo de atraer profesionais no canto de expulsalos, a portavoz nacionalista propuxo a posta en marcha dun plan de retorno, captación e fidelización, “con ofertas atractivas e competitivas tanto no ámbito económico como das condicións laborais”. Prado defendeu así mesmo a necesidade de prestixiar a Atención Primaria, garantindo que na formación universitaria a presenza desta sexa acorde á relevancia que ten na atención á poboación.
A propostas feitas pola deputada na Comisión de Sanidade do Parlamento galego forman parte dunha iniciativa, rexeitada polo PP, na que tamén se instaba o Goberno do PP a presentar de inmediato un informe que permita ter unha radiografía fidedigna do cadro de persoal do Sergas, así como a elaborar a planificación e cronograma de presentación dun plan de recursos humanos.
Prado comezou a súa intervención recordando algúns dos datos que mellor reflicten a deterioración que está a sufrir a sanidade pública como consecuencia das políticas do Goberno de Rueda. Datos como o dos 200 concellos galegos que non contan con servizo de pediatría, que hai 360.000 persoas en lista de espera (estrutural) para atención hospitalaria ou que a temporalidade acada o 54 % no caso da enfermería ou o 48 % en medicina.
Destacou ademais que Galiza é o segundo territorio do Estado —“só por detrás do paraíso das liberdades”, ironizou aludindo á Comunidade de Madrid— que menos inviste en Atención Primaria.