congreso

BNG reclama medidas máis ambiciosas para baixar a factura da luz

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego: “Hai que ir a unha nova regulación do sistema eléctrico que poña a enerxía ao servizo do conxunto da sociedade”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que as medidas anunciadas polo Goberno para baixar a factura da luz son “claramente insuficientes” e reclama reducir o IVE de 21 a 4%, eliminar o Imposto especial (5,11%) e impedir que o Imposto á Produción (7%) que pagan as eléctricas poida ser repercutido ás persoas consumidoras. Ademais, Rego defende que hai que ir a unha nova regulación do sistema eléctrico, nacionalizar as grandes compañías do sector e implantar unha Tarifa Eléctrica Galega. Por outra banda, Rego chama á responsabilidade de PP e PSOE para que a transferencia da AP-9 sexa feita canto antes e non se modifique de maneira substancial a lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza.

Ante o anuncio do Goberno do Estado da baixada temporal do IVE na factura da luz a 10% e do Imposto de produción a 0% durante 3 meses, a formación nacionalista cualifica estas medidas como “claramente insuficientes”. O BNG lembra que leva meses a reivindicar a baixada do IVE de 21 para 4% por ser a enerxía “un ben esencial”. Así mesmo, Rego sinala a necesidade eliminar o Imposto Especial á Electricidade (5,11%) e de impedir que o imposto de produción de enerxía eléctrica (7%) que pagan as empresas produtoras, “sexa repercutido aos consumidores e consumidoras”.

Así mesmo, Rego chama a eliminar da factura eléctrica os cargos e portaxes que non teñen unha relación directa co consumo eléctrico, como as primas ás renovábeis ou os custos extra peninsulares, que deberían ser asumidos con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado. “Hai que actuar de maneira global e camiñar cara unha nova regulación do sistema eléctrico que poña a enerxía ao servizo do conxunto da sociedade. A enerxía é un ben esencial e por iso debe estar baixo un control público”, ” sinala o deputado nacionalista.

Desde a perspectiva nacionalista, pódense tomar medidas con carácter puntual mais “hai que abordar unha reforma estratéxica do sistema eléctrico” que pase por “nacionalizar as grandes empresas enerxéticas para que existan empresas públicas -no noso caso unha empresa pública galega- que poña a produción da enerxía ao servizo do desenvolvemento social e económico do noso país”. Así mesmo, defende a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega que, entre outras cousas, retire da factura dos galegos e galegas portaxes como a de  transporte, dado que somos produtores de excedentarios enerxía eléctrica”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG