BNG reclama máis seguranza viaria nas autoestradas que conectan a cidade de Lugo

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego exixe mellor iluminación nas entradas e saídas das A-54 e A-6  e sinala que os criterios marcados polo Ministerios de Transporte supoñen un risco para as e os usuarios. 

O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou preguntas ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sobre a ausencia de iluminación nas entradas e saídas das autoestradas A-54 e A-6 da cidade de Lugo. A formación nacionalista reclama que a cidade poida ter a necesaria iluminación para garantir unha boa seguranza viaria e exixe mudar o actual criterio que só atende ao número de vehículos circulantes.

A Dirección Xeral de Estradas considera que só deben iluminarse as ligazóns con autovías en que a intensidade media de circulación sexa superior a 60.000 vehículos ao día. No caso da cidade lucense o número de vehículos que transitan non alcanzan  o volume suficiente -segundo os criterios da DXT- como para que se iluminen os accesos á cidade. Isto agrava os problemas de seguranza nunha cidade que, ademais, se caracteriza por un elevado número de días de chuvia ao ano. 

“Supón unha discriminación baseada na menor poboación, cando a seguridade e as dotacións nas infraestruturas debe ser igual para todas elas, pois previr e garantir unha circulación segura é igualmente importante en todas as vías, non só nas máis transitadas” apunta  Néstor Rego. 

Así mesmo, o deputado do BNG incide en que “a maior parte das cidades e poboacións do interior da Galiza non van alcanzar a cifra dos 60.000 vehículos que os técnicos consideran mínima para o acceso a unha infraestrutura coas condicións adecuadas” debido ao número de habitantes que ten o noso País. Por este motivo, o deputado nacionalista reclama que se retire o actual criterio co obxectivo de dar a necesaria iluminación e seguranza viaria a todas as ligazóns de autovía dependentes do Ministerio coa cidade de Lugo.

“Lugo é unha das principais cidades de Galiza, a cuarta en número de habitantes, polo que os seus accesos por autovía merecen estar dotados dunha iluminación adecuada que garanta a seguridade do tráfico” salienta Rego. “Manter sen iluminación todas as entradas á cidade de Lugo de entroncamento coa A-54 ou a A-6 particularmente   durante as longas horas nocturnas do inverno galego, supón un risco para o tráfico que é preciso corrixir” critica Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG