BNG reclama garantir a atención sanitaria no concello de Castro de Rei e dotar de persoal o centro de Saúde de Castro de Ribeiras de Lea

Olalla Rodil
Olalla Rodil lembra que durante o verán, o centro permaneceu cun só médico para atender a máis de cinco mil habitantes

A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Olalla Rodil instou á Xunta a dotar de persoal necesaria o centro de saúde de Castro Ribeiras de Lea “baixo mínimos durante o verán” cun  só médico para atender máis de cinco mil habitantes cando son precisos catro  facultativos/as.

A parlamentaria do BNG explicou que ademais tamén permanecen pechados os ambulatorio de Castro de Rei,  Parga e  Baamonde usando como coartada a Covid-19. Ao seu xuízo, os servizos  pensados para aproximar a atención sanitaria á veciñanza en poboacións dispersas están sendo “desmantelados”. Neste sentido, afirmou que o médico que  atendía o ambulatorio de Castro de Rei  “é o único que atende boa parte dos días no centro de saúde de Castro Ribeiras de Lea”.

Rodil remarcou  que ter un ambulatorio pechado significa que un gran número de persoas sexan obrigadas a percorrer case vinte quilómetros para ir por exemplo desde a parroquia de Pacios ou Prevesos para acudir  ao médico cando deberían contar cun servizo máis próximo.

A falta de médicos provocou que  moita xente para poder ver a súa médica/o de cabeceira tivese que agardar “un mes” e algúns usurarios e usuarios tiveran que pagar os seus medicamentos.

A consellaría reaccionou despois da mobilización social convocada polo BNG

Grazas a resposta social nunha mobilización convocada polo BNG, a Consellaría reaccionou e comezou a chamar aos doentes para adiantarlles a cita. A deputada anunciou que as mobilización continurán porque o que está sucedendo neste concello  resulta “inadmisible e intolerable”.

A nacionalista foi máis alá e criticou que a consellería só tome medidas depois das mobilización e cando se aproxima “un problema electoral”. Na súa opinión, este proceder “é miserable”.

O deterioro na Atención primaria afecta a toda a comarca e sen ir máis lonxe, dixo, no meu propio  concello a Ribeira de Piquín, até a semana pasada tivo sen cubrir a baixa do médico titular, a Ribeira ten médico de 8 a 3 entre semana, de luns a venres, o resto do tempo tes que desprazarte a  a Meira para ser atendida no  PAC. Agora e despois de moitas reclamacións postas diante do SERGAS traen un médico de Becerreá uns días á semana. “Outro parche”. En Muras, máis do mesmo,  non se cubriu a baixa. Tiñan que ir ao Valadouro ou a Vilalba ao centro de saúde.

“Hoxe falamos da provincia de Lugo pero podíamos estar aquí toda a mañá, falando de  concello por concello” por iso reclamamos  que se garanta a atención sanitaria da veciñanza de Castro. Que se recupere a actividade do ambulatorio de Castro que está pechado e que se cubran as baixas do persoal sanitario.

Tras a intervención da portavoz popular, Encarnación Amigo Díaz que xustificou o peche dos centros por  falta de médicos e coletazos da pandemia e anunciou o voto a favor da iniciativa nacionalista, “en función da evolución da pandemia”, Rodil replicou que o propio presidente da Xunta anunciaba, hai unha semana, que a emerxencia sanitaria “xa estaba superada” e sen embargo “non existe ningunha previsión para recuperar persoal e actividade nos centros de Parga, Baamonde e Castro”.

Acollemos este acordo unánime coa esperanza de que se materialice nalgunha medida concreta e non circunscribilo ás curas dunha enfermeira para xustificar que se está a recuperar a atención sanitaria co teu médico ou médica de cabeceira.

Ante a falta de médicos, Rodil preguntou que pasou cos médicos MIR formados  no 2021, porque de 70 médicos e médicas, 30 foron destinados á Atención Primaria, pero descoñecemos  que pasou co resto, concluíu.

A proposta do BNG contou co apoio unánime da comisión de sanidade.