BNG reclama para Galiza un novo status político de nación superando o marco dunha constitución herdeira do franquismo
Pontón defende un autogoberno real, libre de interferencias centralistas, que garanta capacidade plena de decisión no económico, social e cultural
Insta a Rueda a sacar as galegas da lameira política de crispación do PP e a garantir a protección que precisan as vítimas de violencia machista
O BNG celebra a fundación do PG e declárase continuador do legado de Castelao, a quen considera primeiro presidente de Galiza no exilio
O BNG celebrou un ano máis a fundación do Partido Galeguista o 6 de decembro de 1931 cun acto cargado de simbolismo no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres concibido como homenaxe tamén á figura de Castelao no 75 aniversario da súa morte no exilio bonaerense. Un acto no que o BNG se declarou herdeiro do legado plenamente vixente do autor de Sempre en Galiza e no que reclamou para o noso País un novo status político de nación, superando o marco dunha Constitución herdeira do franquismo.
“Seguimos reclamando democracia plena e o recoñecemento de Galiza como unha nación que ten dereito a un autogoberno real, con capacidade de decisión para xestionar os nosos recursos”, asegurou a portavoz nacional, Ana Pontón, nunha declaración política na que, baixo o lema Viva a Nación Galega, defendeu a necesidade de “blindar a nosa capacidade plena de decisión en ámbitos clave para o desenvolvemento económico, social e cultural do País, sen interferencias centralistas”.
É por iso que o status político que reivindica para Galiza o BNG, explicou, pasa por un concerto económico que entregue aos galegos e as galegas a chave dos seus cartos, acadando o poder político e financeiro que lle permita ter as ferramentas para dar solución e resposta aos problemas do País e mellorar a vida da xente sen interferencias de Madrid.
Pontón denunciou precisamente que o actual marco constitucional perpetuou e acentuou a dependencia e o centralismo que denunciaban Castelao e o Partido Galeguista, que “tiñan claro que esa dependencia política e as agresións e espolios derivados eran a causa do atraso de Galiza e da imposibilidade de ollar cara un futuro mellor”.
A Constitución do 78, afondou a líder nacionalista, consolidou un “modelo depredador” que explica hoxe en día a “estafa enerxética que padecemos, o espolio do noso aforro ou a emigración da mocidade” e que está detrás, exemplificou, da desaparición das caixas, o déficit de infraestruturas, o boom eólico depredador ou a ameaza de proxectos como a macrocelulosa contaminante de Altri ou a mina de Touro.
“Non podemos celebrar unha Constitución que nos nega, que limita os nosos dereitos e aspiracións nacionais, que pon atrancos ao noso desenvolvemento e o benestar e que consolida unha institución tan anacrónica e antidemocrática como a monarquía”, proclamou a portavoz nacional, para quen a “propia xénese” da norma aprobada no 78 levaba a que a corrupción endémica do franquismo se perpetuara, “como seguimos vendo hoxe nun sistema político profundamente corroído pola corrupción”.
“Máis niso tamén o nacionalismo galego representa unha diferencia esencial, porque podemos dicir coa cabeza ben alta que en máis de 40 anos de historia non temos ningún caso de corrupción e que non todos somos iguais”, salientou.
Ao longo da súa declaración, Pontón referiuse o BNG, que cada vez concita máis apoios e ilusión, como a única alternativa que ten Galiza para conseguir a transformación social que precisa e pola que traballaron o PG e Castelao, “para mudar o deseño imposto, para muxir aquí a vaca á que lle damos de comer e para que este sexa o tempo no que fagamos realidade os soños de liberdade, de benestar e de xustiza da nación galega”.
“O PP sabe que somos a alternativa solvente e cada día están máis nerviosos”, afirmou a líder nacionalista, para quen os ataques “cada día máis virulentos” que recibe o Bloque desde as filas populares son “a mellor demostración de que estamos no camiño correcto”, denunciando e poñendo en evidencia os prexuízos que para o noso País supoñen as políticas centralistas, facendo fronte a un Partido Popular “cada día máis ultra que pon os intereses do partido por riba de Galiza superando todas as liñas vermellas”.
As mulleres como arma para a confrontación política
Denunciou, neste sentido, que a ameaza de deixar ás vítimas da violencia machista sen protección da Policía Autonómica é o último exemplo do “servilismo a Feijóo” do Goberno de Rueda, poñendo ás mulleres “aos pés dos cabalos” como medida de presión na súa estratexia partidista de “canto peor, mellor”.
“Pedimos ao señor Rueda que saque as galegas da lameira política de crispación e de confrontación do PP”, destacou a portavoz nacional do Bloque, emprazando deste xeito ao titular de Xunta a “deixar de usar ás mulleres na súa confrontación partidista co Goberno do Estado” e a garantir que todas as galegas vítimas da violencia machista teñan a protección policial que precisan.
Castelao, primeiro presidente por xustiza, por dereito e por dignidade
No acto de celebración da fundación do Partido Galeguista, no que interveu tamén o secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gabiás, cobrou nesta ocasión un significado especial por coincidir este ano coa conmemoración do 75 aniversario da morte de Castelao, a quen o BNG reivindica como primeiro presidente de Galiza “por moito que un PP, plenamente consecuente, o negue e o desprece”, dixo Pontón, subliñando que promoveu e presidiu o goberno galego no exilio. “É presidente por xustiza, por dereito e por dignidade”, salientou.
Castelao foi que de xeito máis claro viu a necesidade de manter vivo o legado do Partido Galeguista e quen máis enerxías dedicou, no Sempre en Galiza e noutros textos, a construír un corpus teórico que despois de oito décadas mantén plena vixencia, recalcou a portavoz nacional, que concluíu o seu discurso recordando que para o político de Rianxo o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidade. “E esta é a misión e a responsabilidade que ten hoxe o nacionalismo galego: gobernar para cambiar o rumbo do País e para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, proclamou.