Parlamento Europeo

BNG reclama na Eurocámara que a electrificación do sector da automoción teña como prioridade o mantemento do emprego

Ana Miranda
Ana Miranda: “A crise do sector é unha realidade, xa que a industria do automóbil galega perdeu o 5% dos postos de traballo nos últimos 12 meses”

Na presentación do “Paquete de medidas para o sector do automóbil” que hoxe realizou a Comisión Europea na Eurocámara, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salientou que é imprescindible que o proceso de electrificación do sector do automóbil “vaia acompañado dun Plan específico que teña en conta o impacto social das decisións en zonas altamente dependentes da industria da automoción, como a comarca de Vigo”.

Na súa intervención, a eurodeputada galega salientou a gran relevancia que ten o sector da automoción, posto que a factoría viguesa de Stellantis “é un dos motores industriais da economía galega”. Ao respecto indicou que en 2024 obtivo uns beneficios de 718,9 millóns de euros ao tempo que aplica unha política de externalización e deslocalización da fabricación de compoñentes que implica o peche de empresas galegas.

“A crise do sector é unha realidade”, manifestou Ana Miranda, quen lembrou que nos últimos meses se rexistraron despidos tanto no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG) como en outras empresas. Así, explicou que nos últimos 12 meses, a industria do automóbil galega perdeu o 5% dos empregos, de forma que 1.400 persoas foron despedidas, tal e como denuncia a CIG.

Afrontar a situación

Segundo defendeu a eurodeputada do BNG, “é imprescindible” que o proceso de electrificación do sector do automóbil vaia acompañado dun Plan específico que teña en conta de forma prioritaria a repercusión desa electrificación nas empresas e no emprego. Ao seu xuízo, diante desta sangría de postos de traballo que se está producindo e que prexudica de forma brutal á clase traballadora, o Ministerio de Industria e a Consellería de Industria non poden permanecer impasibles.

“O goberno galego e o goberno do Estado teñen que afrontar a situación crítica que atravesa o sector da automoción, que é un dos principais motores económicos non só da comarca de Vigo, senón de toda Galiza, e tomar medidas urxentes”, sinalou Ana Miranda, ao tempo que salientou o traballo desenvolvido polo BNG facendo propostas na defensa do sector e o freo a perda de postos de tanto en Vigo, como no Parlamento Galego e no Congreso.