BNG reclama equiparar na aplicación do complemento para a redución da fenda de xénero ás persoas xubiladas de clases pasivas

Néstor Rego
Rego presenta unha emenda ao texto lexislativo que regula o novo complemento para garantir o acceso en igualdade de condicións entre as persoas xubiladas do réxime xeral da Seguridade Social e as xubiladas de clases pasivas, que non poden acceder no caso da xubilación anticipada.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha emenda de modificación ao Proxecto de Lei polo que se adoptan medidas para a redución da brecha de xénero e outras materias nos ámbitos da Seguridade Social e económico (procedente do Real Decreto Lei 3/2021), para equiparar no acceso a este complemento aos funcionarios das clases pasivas e que se lle conceda con independencia de se accede á xubilación de forma voluntaria ou obrigatoria. No caso da xubilación do réxime xeral poden acceder ao complemento tamén no caso de xubilación anticipada, pero esta posibilidade non se prevé para as persoas xubiladas das clases pasivas.

Este novo complemento, que xa está en vigor, substitúe ao anterior por maternidade, concédeselle, con carácter xeral,  ás mulleres que teñan dereito a unha prestación contributiva, que recibirán unha contía anual por cada fillo ou filla que tiveran até o límite de catro. Os homes poderán recibilo só nalgunhas circunstancias, porén, no caso da xubilación anticipada só é compatíbel coa do réxime xeral, non co de clases pasivas. A súa finalidade é reducir a diferencia na contía das pensións, por iso as principais destinatarias son as mulleres aínda que tamén poden os homes no caso de viuvez con fillos ou fillas en común con dereito a pensión de orfandade ou ter interrompido ou reducida a súa carreira profesional polo nacemento ou adopción, e sempre cunha serie de condicións adicionais.  É un complemento que se concede ao proxenitor que vira máis prexudicada a súa carreira laboral polo coidado das crianzas. No suposto de que ningún sufrise un prexuízo, o complemento recoñeceráselle á nai ou, caso de ser unha parella do mesmo xénero, a aquela persoa con menor pensión.

“Unha das novidades deste novo complemento é que, a diferencia do anterior, si inclúe a xubilación anticipada ademais da ordinaria ou forzosa, mais restrinxida a quen pertenza ao réxime xeral da Seguridade Social, pero non se incorpora este dereito á xubilación anticipada de clases pasivas” subliña o deputado do BNG. “Existen sectores na Galiza que se verán prexudicados por esta clara discriminación, por exemplo, a práctica totalidade das xubilacións anticipadas no profesorado galego son actualmente de clases pasivas, polo que, ningunha docente que se acolla á xubilación anticipada poderá incorporar este novo complemento redución de fenda de xénero” destaca Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, salienta que as e os funcionarios pertencentes a Clases Pasivas que viron reducida a súa traxectoria profesional ou cotización debido a renuncias, reducións de xornada ou incorporacións tardías á docencia por coidado de fillos e fillas deben ter acceso ao complemento pola brecha de xénero, con independencia de se se accede á xubilación de forma voluntaria ou obrigatoria.