BNG reclama a Educación que atenda as demandas das Anpa de Vilagarcía para os CEIP O Piñeiriño, Rubiáns e A Lomba
A deputada Montse Prado reclamou á Consellería de Educación que escoite e atenda as demandas que lle están facendo chegar as Anpa de Vilagarcía para mellorar a atención ao alumnado nos centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de O Piñeiriño, Rubiáns e A Lomba respecto á falta de persoal de apoio, rateos e horarios escolares.
Nunha pregunta formulada ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bertolo, que pais e nais destes CEIP seguiron no Parlamento, a deputada nacionalista reclamou, no caso de O Piñeiriño, o desdobre da aula de 4º de Infantil, recuperando a segunda liña que tiña este centro para o curso 25/26.
A aula en cuestión, explicou, conta con 19 alumnos e alumnas e un deles ten recoñecido unha discapacidade maior do 33%, polo que computaría o dobre a nivel de rateo. De non facerse o desdobre, advertiu, estaríase superando o establecido por lei. En 5º de Infantil, engadiu, hai 19 crianzas (3 delas con NEE) e unha nena en reserva, e en 6º son vinte os nenos/as (1 con NEE), polo que tampouco se cumpre o rateo fixado pola propia Consellería.
Para este mesmo centro, Prado reclamou máis persoal de apoio para atender ás crianzas con necesidades educativas tamén na etapa de primaria, en especial da aula de 3º.
No caso do CEIP de Rubiáns, as demandas das familias afectan sobre todo ao horario escolar, condicionado agora polo transporte escolar, o que dificulta a conciliación das familias. Tal e como explicou a deputada do BNG, a diferencia doutros centros, a hora de entrada neste é ás 9.50 horas, o que obriga a moitos pais e nais a recorrer a outras persoas para trasladar aos seus fillos/as ao centro. Ademais, o alumnado que queda no comedor escolar ten apenas vinte minutos para comer antes de coller o transporte escolar, “o que fomenta hábitos de alimentación nada saudábeis”.
A comunidade educativa deste CEIP pide pasar do actual horario de 9.50 a 15.30 horas a un de 9.15 a 14.15h, expuxo Prado, que emprazou ao alto cargo da Xunta a ter en conta esta demanda na nova licitación para a concesión do trasporte.
Respecto ao CEIP A Lomba, onde están escolarizados 122 alumnos con NEE, as demandas céntranse na falta de persoal. Prado instou ao director xeral a manter a actual parella educativa (titora e profesora de apoio) no vindeiro curso de 5º de Infantil, así como dotar de máis persoal ao centro para atender as necesidades educativas especiais, eliminar a itinerancia dos profesionais de Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica por outros centros e manter a dobre liña en 4º de Infantil.
“Non existe ningunha razón para non atender as demandas das Anpa que non sexa ideolóxica”, advertiu Montse Prado, que lamentou a negativa da Consellería a escoitar as nais e pais destes centros, que xa comezaron a mobilizarse en defensa dunha mellor atención para os seus fillos e fillas.
Prado lamentou así mesmo a falta de concreción do director xeral ás demandas concretas que o BNG lle trasladou na comisión parlamentaria, o que considerou unha “falta de respecto” as familias que acudiron ao Parlamento a escoitar a súa resposta.
“No Bloque temos claro que a posición da Xunta deixa claro cales son as prioridades do Goberno galego, vinculando os investimentos en educación a criterios económicos, como é non realizar desdobres necesarios ou non autorizar un incremento do gasto en transporte mentres por outra parte subvenciona e promove centros de educación privados”, manifestou.