BNG reclama a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade tras a nova derruba dun falso teito no Materno Infantil
O BNG vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para solicitar a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade ante a gravidade do que está a suceder no Hospital Materno Infantil de Ourense, onde acaba de producirse a cuarta derruba en pouco tempo dun falso teito pola falta de mantemento e as condicións de precariedade nas que se atopa o edificio.
“A situación é intolerable”, asegura Presas, advertindo de que aínda que afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais a causa deste novo derrubamento, o cuarto deste 2023, o certo é que “podería ter pasado algo”. Criticou, neste sentido, o risco que supón a situación na que se atopa o edificio para as mulleres que teñen que dar a luz en Ourense, tal e como denuncia o BNG desde hai tempo.
Presas reclamou ao conselleiro que garanta ás mulleres de Ourense unhas condicións dignas para parir, “as propias —recalcou— do século no que vivimos”. É por iso que volveu esixir tamén que se paralice o traslado da sala de partos até lles ofrecer ás mulleres ourensás unha alternativa que lles dea todas as garantías sanitarias e onde se respecte a súa intimidade.
Subliñou, neste sentido, que o traslado previsto vaise facer en contra da vontade das asociacións de maternidade e dos e das profesionais. “Non se garante a recuperación da sala de parto natural nin as condicións adecuadas de hixiene e de intimidade”, advertiu, para mais unha vez reclamar á Consellería que rectifique e atenda ás peticións que está facendo o persoal do centro para que as mulleres de Ourense “poidan ter un servizo de partos digno propio do século XXI e non un parche que pode durar até cinco anos”, precisou.
“O PP non pode aproveitar os meses de verán para empeorar a atención sanitaria desta parte do País”, manifestou a deputada nacionalista, que reclama ao conselleiro que dea a cara e explique por que permite que as mulleres de Ourense teñan que parir nunha zona onde non hai lavabos nin auga corrente ou por que, durante o proceso de dilatación, pode estar nunha sala na que non se garanta a súa intimidade.
“Non queremos nin un traslado chapuceiro nin un hospital que se cae a cachos. O que pedimos que se garanta condicións dignas para as mulleres que van dar a luz”, concluíu.