BNG reclama axilizar as listas de agarda e reforzar as equipas de valoración do grao de discapacidade e dependencia

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil critica os largos procesos de tramitación e pide a valoración de dependencia e discapacidade conxunta para facilitar o procedemento administrativo 

A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou unha pregunta ao goberno na Comisión de Sanidade sobre a demora nas listas de agarda nos procesos de valoración do grao de discapacidade.

Pola súa parte, o director xeral de Atención Sociosanitaria, Antón Acebedo  recoñeceu que na actualidade existen 12.500 persoas en lista de agarda e baixo unha  demora de 138 días. A nacionalista explicou que dende hai tempo en Galiza xa é posible solicitar de maneira única a discapacidade e a dependencia para as persoas coas dúas condicións pero o propio colectivo afectado nos traslada que non se está utilizando este sistema porque “non existe un criterio uniforme” e todo depende do lugar no que vivas e con que valoración para a tramitación dos procedementos.

A xuízo da deputada, este sistema é unha ferramenta “moi útil” para minimizar as citas dos e das demandantes nas entrevistas dos equipos de valoración que desempeñan o seu labor sobre todo nas cidades. Esta ferramenta, engadiu, pode “mellorar a calidade de vida e axilizar un  proceso administrativo e burocrático” sobre todo para as persoas afectadas por unha discapacidade. “A administración pública debe garantir este sistema e con carácter xeral en toda Galiza”, aseverou.

Ademais, Olalla Rodil tamén se referiu aos fogares con persoas con discapacidade “moi elevada”. Nun de cada catro fogares, explicou, vive algunha persoa con discapacidade, é dicir ¼ dos fogares que constata a “envergadura do problema”. Falamos de centos de miles de persoas cunha calidade de vida que depende, en grande medida, “do recoñecemento da discapacidade” e tras unha  grande demora.

A deputada criticou que a pesar de ser creados 17 novos equipos de valoración dende o ano 2018, as demoras seguen producíndose e preguntou ao titular de Atención Sociosanitaria se este servizo será reforzado ante o grande número de persoas pendentes en lista de espera por unha valoración.

Non resulta igual vivir no interior de Galiza que na franxa atlántica e no ano 2021, explicou a parlamentaria,  o período de agarda situábase en 142 días e na actualidade en 138, e unha lista de 12.500 persoas segue resultando “demasiado avultada”.

Para Rodil urxe reforzar os equipos de valoración e sobre todo, “acelerar” os procesos de tramitación e valoración de discapacidade e suprimir desa lista de agarda o programa de asignación de recursos, “un limbo” dende que é recoñecida unha condición até que accedes ao recurso que necesitas e ao que tes dereito. Non podemos “furtar” ás persoas con discapacidade e as entidades, dereitos sociais e fundamentais.

A deputada reiterou a petición de contar nas equipas de orientación e valoración , “novos perfís profesionais” porque sabemos que as tendencias demográficas en Galiza van cambiando e aparecen novas “discapacidades e dependencias” que deben ser avaliadas en toda a súa integridade co fin de ofrecer a estas persoas “unha maior calidade de vida e benestar” e tamén para conseguir  “unha sociedade máis xusta, democrática e inclusiva”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG