BNG reclama ao PP aumentar o orzamento aos concellos para a garantir as condicións e seguridade das traballadoras do SAF

Olalla Rodil

Olalla Rodil aféalle á Xunta  que, un ano despois da morte de Teresa de Jesús, aínda non se aprobou o protocolo de prevención e intervención  

Reclama que Xunta, patronal e traballadoras se senten para negociar un novo convenio que poña fin ás súas condicións tremendamente precarias

A portavoz de Política Social do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, reclamoulle á Xunta de Rueda que incremente o financiamento aos concellos para poder garantir as condicións laborais e de seguridade das traballadoras do SAF, recordándolle que, un ano despois da morte de Teresa de Jesús mentres traballaba nun domicilio de Porriño, non se activou ningún protocolo de prevención.

Fíxoo recordándolle ao PP na Comisión 5ª que o Goberno central vén de facer realidade demanda do BNG de cumprir a Lei Dependencia, que supón que o Estado destine o 50% do financiamento ao sistema de dependencia. Rodil referiuse ao aumento de 6.200 millóns de euros entre 2026 e 2027,  duplicando as axudas a dependentes.  Así, un grao tres de dependencia subirá un 128%, pasando dos 290 euros ao mes aos 660. “O BNG asinouno en 2021 e 2023 e hoxe iso está no BOE”, recalcou Rodil.

A deputada nacionalista contrapuxo este aumento de financiamento que vén de aprobar o goberno do Estado cos recortes en diñeiro e en dereitos que promoveu o PP cando gobernaba. Entre eles, o de expulsar as coidadoras informais da Seguridade Social e deixalas sen dereitos, a suspensión de dous anos para as solicitudes de dependencia que estivesen sen resolución até ese momento, o recorte do 15% en todas as prestacións, a redución do 13% do nivel mínimo de financiamento estatal, a supresión dos concertos coas CCAA nos orzamentos de 2012, 2013, 2014, 2015, ou que as CCAA deixaron de ingresar 285 millóns de euros.

“Se queremos garantir boas condicións na atención ás persoas dependentes galegas, e—tal e como pedía o BNG na iniciativa— garantir os dereitos e a seguridade de quen coida, hai que dotar de recursos económicos o sistema, e sobre todo o Servizo de Axuda no Fogar”, subliñou a deputada nacionalista.

Rodil recordoulle á deputada do PP, Nicole Grueira, que sacaba peito das medidas da Xunta, que unha hora de servizo do SAF custa 24 euros a hora, mentres a proposta do Goberno de Rueda limitouse a aumentar de 12 a 16 euros, e a 18 en dous anos.

Todo segue igual

Un ano despois do asasinato deTeresa de Jesús,“todo segue igual”, lamentou Rodil, recordando que non se aprobou un protocolo de prevención e intervención nestes casos malia os traballos desenvolvidos no seo da Fegamp e a normativa que regula o SAF que, apuntou, segue a ser a mesma 17 anos despois da súa aprobación.

Sinalou que estas situacións de inseguridade “non pasa en todas as casas pero pasa moito e non debería pasar que che fagan proposicións que están absolutamente a á marxe dos servizos que deben prestar as traballadoras, que sofren situacións de acoso ou racismo”. Engadiu que, se daquela,trala morte dunha traballadora, era “necesario”, hoxe é “imperioso” que Galiza se dote dese protocolo que garanta a seguridade e a protección das miles de mulleres que prestan un servizo socio-sanitario público en condicións de moitísima precariedade”.

Rodil recordou que o BNG trouxo ao Parlamento varias iniciativas neste sentido e que o PP votou en contra. Porén, recalcou que, a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos, os populares reformaron a Lei de Servizos Sociais para suprimir a obrigatoriedade do Informe Social para iniciar unha alta no SAF, o único instrumento que servía para avaliar os riscos dentro dos domicilios.

É por iso que, na iniciativa, o BNG reclamaba que a Xunta se sente coa patronal do sector e coas traballadoras para renovar un convenio colectivo, que está caducado desde 2012, con salarios “baixísimos” que,  no mellor dos casos, cunha xornada completa están en 1.200 euros ao mes, por debaixo do SMI, recalcou, sinalando ademais que, aínda en moitos concellos, as traballadoras se desprazan nos seus propios vehículos sen que se lles pague quilometraxe.

O BNG pedía ademais a constitución desa mesa tripartita para garantir a implantación e o cumprimento do protocolo de prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no SAF.

Ademais, reclamaba levar a cabo as mudanzas normativas que sexan necesarias para garantir a correcta implantación, desenvolvemento e aplicación dese protocolo, a comezar pola recuperación do carácter preceptivo do informe social e a incorporación de situacións de violencia contra as traballadoras como unha causa de suspensión cautelar ou mesmo de extinción da prestación do servizo. 

“Non podemos deixar traballadoras que vaian desa maneira a traballar en situacións de inseguridade porque llo debemos a todas elas e tamén a Teresa de Jesús”, rematou.

O PP votou en contra da iniciativa.