Congreso

BNG reclama ao Goberno a transferencia dos inmóbeis da SAREB en Moaña ao IGVS para aumentar a oferta de vivenda pública

Visita Moaña

Néstor Rego avanza o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para que o Goberno do Estado se comprometa a transferir todos os activos de maneira gratuíta

Leticia Santos e Paulo Ríos reclaman a implicación de todas as administracións para dar unha resposta urxente e eficaz á crise habitacional

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, comparecen ante os medios de comunicación para dar conta das propostas da organización nacionalista co obxectivo de incrementar a oferta de vivenda pública en Moaña. A frente nacionalista, entre outras actuacións, demanda ao Goberno do Estado a cesión gratuíta dos activos da SAREB existentes no concello ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Durante a comparecencia, Rego avanza que o BNG rexistrará iniciativas nas Cortes do Estado para exixir ao Goberno central asumir a súa responsabilidade e facilitar a transferencia de vivendas e solos da SAREB, unha entidade creada con fondos públicos, para os pór ao servizo do dereito á vivenda e non da especulación.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, subliña que o acceso á vivenda é na actualidade un dos principais problemas sociais, especialmente para a mocidade e para as familias con menos recursos, e lembra que a Galiza conta cun parque de vivenda pública que non chega nin a 0,3% do total, froito de décadas de políticas erradas.

Paulo Ríos, deputado do BNG e responsábel comarcal, sinala que, após a crise de 2008, o modelo inmobiliario deu paso a un novo ciclo especulativo baseado no alugueiro residencial e turístico, con prezos disparados que dificultan gravemente o acceso á vivenda. Ademais, o Partido Popular –á frente da Xunta da Galiza- nunca quixo resolver de xeito estrutural os problemas en materia de vivenda: “promoveu políticas especulativas e paralizou a construción da vivenda protexida e pública” denuncia.

Esta situación vese agravada pola acumulación de inmóbeis en mans da SAREB, que dispón de solo e vivenda con grande potencial para uso social.

Neste sentido, puxeron como exemplo o caso de Moaña, onde a SAREB é propietaria de terreos no ámbito do Plan de Sectorización “A Xunqueira A-2”, con capacidade para desenvolver até 289 vivendas, unha oportunidade chave para crear vivenda pública no municipio.

A organización nacionalista lembra que foi aprobada unha moción polo pleno de Moaña onde se incluían tamén acordos para instar a Xunta de Galiza a intervir o mercado do aluguer, financiar a construción de 10 vivendas de aluguer social nun edificio da rúa Elisa de la Peña González, así como a creación dunha liña de axudas á rehabilitación de vivendas habituais en concellos de menos de 20.000 habitantes.