BNG reclama ao Goberno que RENFE respecte a toponimia oficial galega na súa web e empregue “Tui”
Néstor Rego denuncia, máis unha vez, a vulneración da legalidade ao empregar o topónimo deturpado de Tui na súa web de venda de billetes
O deputado nacionalista insta o Goberno a corrixir de inmediato esta irregularidade e lembra que Interior xa rectificou a rotulación após unha denuncia do BNG
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar nas Cortes do Estado iniciativas para reclamar ao Goberno español que rectifique o uso de formas deturpadas dos topónimos galegos na páxina web de RENFE, exixindo o cumprimento da legalidade ixente e o respecto polos dereitos lingüísticos da cidadanía galega. No concreto, Néstor Rego demanda a Transportes respectar o topónimo oficial de Tui na web de Renfe.
A denuncia céntrase no caso concreto da vila de Tui, onde a web de RENFE, principal ferramenta da operadora para a venda de billetes, emprega a forma incorrecta. “Estamos ante unha nova vulneración da legalidade e dos dereitos lingüísticos do pobo galego, pois o único topónimo oficial e legal é Tui, tal e como establece a Lei de Normalización Lingüística” explica Rego.
O deputado nacionalista lembra que o artigo 10 da Lei 3/1983, de normalización lingüística, estabelece que “os topónimos terán como única forma oficial a galega”, polo que calquera outra forma carece de validez legal e supón unha deturpación contraria ao ordenamento xurídico.
“RENFE é unha empresa pública dependente do Ministerio de Transportes e, como tal, ten a obriga de dar exemplo no cumprimento da legalidade. Non pode seguir reproducindo formas incorrectas que atentan contra a dignidade e os dereitos lingüísticos do pobo galego” afirma o deputado do BNG.
Desde a formación nacionalista lembran tamén que non é a primeira vez que denuncian a deturpación deste topónimo. “Xa advertimos da utilización da forma deturpada nun cartel oficial encargado polo Ministerio do Interior, e grazas á nosa intervención, esta carteira rectificou e modificou a rotulación para empregar correctamente o nome oficial: Tui” reivindica Rego.
O BNG insta agora o Ministerio de Transportes a seguir o mesmo camiño e emitir as instrucións necesarias para corrixir esta vulneración na plataforma dixital de RENFE, asegurando que se empregue unicamente o topónimo oficial. Así mesmo, demanda que se revise o conxunto da nomenclatura empregada na web para garantir o respecto á toponimia galega en todos os casos.
Ademais, Rego lembra que o Consello de Europa leva anos sinalando o incumprimento do Estado español das obrigas derivadas da Carta Europea das Linguas, particularmente no que atinxe á promoción e protección do galego.
“As institucións do Estado deben ser as primeiras en respectar a legalidade e os dereitos lingüísticos da Galiza. Non é admisíbel que unha empresa pública como RENFE incorra en erros que xa foron corrixidos por outros ministerios a instancias do BNG”, concluíu Rego.