BNG reclama ao Goberno medidas urxentes para garantir a viabilidade das explotacións de porcino extensivo na Galiza
Néstor Rego Candamil demanda adoptar medidas efectivas e inmediatas para preservar a actividade e garantir o futuro dun modelo produtivo fundamental
Alerta da crecente falta de profesionais veterinarios especializados en porcino e a afectación en explotacións en extensivo dedicadas á cría de porco celta
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado a posta en marcha de medidas “urxentes e específicas” para garantir a viabilidade das explotacións de porcino extensivo na Galiza, nomeadamente das dedicadas á cría de porco celta, “un sector estratéxico para o rural galego, para a conservación das razas autóctonas e para un modelo produtivo sustentábel e ligado ao territorio”.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o sector primario galego leva anos sufrindo unha crise estrutural provocada polo incremento continuado dos custos de produción, sen que exista unha compensación equivalente nos prezos percibidos polas persoas produtoras. No caso da gandaría extensiva e de menor escala, esta situación é especialmente grave.
“O aumento do prezo dos cereais e dos insumos está afogando economicamente moitas explotacións, que se ven obrigadas a vender produtos de enorme calidade a prezos elevados simplemente para cubrir custos, perdendo competitividade e dificultando a consolidación da demanda” advirte Rego.
O deputado nacionalista critica tamén a falta de políticas públicas adaptadas ás particularidades do sector do porco celta e denuncia que tanto o Goberno do Estado como a Xunta de Galiza continúan aplicando “un modelo homoxéneo pensado para a produción industrial intensiva, ignorando completamente as singularidades das razas autóctonas e dos sistemas extensivos”.
Neste sentido, o BNG reclama ao Ministerio de Agricultura que recoñeza as problemáticas específicas das explotacións extensivas de porcino na Galiza e que impulse, en coordinación coa Xunta, unha análise rigorosa da estrutura de custos do sector, do impacto do prezo da alimentación animal e das limitacións normativas que dificultan a súa continuidade.
“O actual marco administrativo e normativo non responde á realidade do rural galego nin ás necesidades das pequenas explotacións. Moitas veces existen alternativas viábeis e menos custosas que nin sequera están contempladas pola Administración” sinala o deputado do BNG.
A formación nacionalista demanda tamén medidas concretas para reducir os custos de produción, especialmente no relativo á alimentación animal, así como mecanismos eficaces para garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentar e asegurar prezos xustos en orixe que cubran os custos reais das explotacións.
“O sector precisa prezos xustos, menos burocracia e políticas pensadas desde e para o territorio. Non se pode seguir favorecendo un modelo intensivo e industrializado mentres se abandona quen produce con criterios de sustentabilidade, calidade e fixación de poboación no rural” afirma Rego.
O BNG alerta ademais da crecente falta de profesionais veterinarios especializados en porcino, unha carencia que afecta de maneira particular ás explotacións de razas autóctonas e que supón “un problema engadido para a continuidade e profesionalización do sector”.