congreso

BNG reclama ao Goberno medidas urxentes frente á entrada masiva de mel fraudulento para defender a apicultura galega

Néstor Rego

Néstor Rego exixe ao executivo actuacións contundentes ante as importacións por debaixo do custo de produción para cumprir a Lei de Cadea Alimentar

A organización nacionalista reclama reforzar os controis frente ao mel fraudulento

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de reclamar ao Goberno do Estado a adopción de medidas urxentes para frear a entrada masiva de mel fraudulento na Unión Europea e garantir condicións xustas para o sector apícola galego, que está a mobilizarse para denunciar a falta de controis efectivos nas importacións.

Segundo os datos coñecidos, 51% do mel analizado nas fronteiras da UE foi considerado sospeitoso de fraude, mentres que só 15% do mel que entra na Unión Europea é sometido a probas físicas, xa que en 85% das importacións limítase o control a unha revisión documental.

“O sector leva anos advertindo desta situación e os datos confirman que estamos diante dun problema grave de fraude alimentaria e de competencia desleal que prexudica directamente as produtoras e produtores galegos” denuncia Rego.

Neste sentido, o deputado nacionalista demanda ao Ministerio de Agricultura reforzar os controis nas importacións de mel, ampliando as probas físicas nas fronteiras e actuando para impedir que chegue ao mercado produto adulterado. Segundo denuncia o sector, até 80% do mel comercializado na UE sería resultado de mesturas ou mel diluído con xaropes de frutosa, ademais de se detectaren numerosos casos de falsificación da orixe do produto.

O BNG tamén alerta da competencia desleal provocada polas importacións “a prezos de dumping”. Segundo explica Rego, a industria europea está a importar mel procedente de máis de 40 países a arredor de 1,8 euros o quilogramo, mentres que un apicultor galego non pode producir por menos de 5 euros, o que coloca o sector nunha situación de clara desvantaxe.

Ante esta situación, a formación nacionalista tamén demanda ao Goberno que garanta o cumprimento da Lei da Cadea Alimentar, que prohibe a venda de produtos agrarios por debaixo dos custos de produción, e que incremente as inspeccións a través da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) para controlar as irregularidades na comercialización do mel.

Defensa do sector apícola na Galiza

Rego advirte do impacto que pode ter a entrada en vigor do acordo comercial con Mercosur, que facilitaría a entrada de até 45.000 toneladas de mel libres de aranceis, fronte ás aproximadamente 33.000 toneladas que se producen no conxunto do Estado español, das que arredor de 3.000 corresponden á Galiza.

Segundo os datos do Ministerio de Agricultura referidos a 2024, na Galiza existen case 5.000 explotacións apícolas, das que arredor de 500 teñen carácter profesional e outras 1.000 constitúen unha fonte importante de ingresos na economía familiar.

Por este motivo, o BNG reclama tamén melloras na normativa de etiquetado do mel para destacar claramente a procedencia do produto, de maneira que se poida diferenciar a produción autóctona fronte ás importacións masivas procedentes de países onde non existe obriga de indicar as porcentaxes de contido de mel nos produtos comercializados.

“É necesario defender o sector apícola galego, unha actividade que xera riqueza no rural, contribúe a fixar poboación e cumpre ademais unha función ambiental fundamental” conclúe Rego.