Parlamento Galego

BNG reclama ao Goberno do PP un Plan de Erradicación das contencións mecánicas como práctica terapéutica

Iria Carreira

Iria Carreira recrimina ao Executivo a súa inacción, máis logo das denuncias en centros psiquiátricos como os de Conxo ou La Robleda

Exixe á Xunta que publique os datos sobre a utilización desta medida tanto nos centros dependentes como naqueles que teñen financiamento público

A deputada nacionalista Iria Carreira urxiu ao Goberno do PP a poñer en marcha un Plan galego de Erradicación das contencións mecánicas como práctica terapéutica que está totalmente desaconsellada por todas as organizacións que velan polo cumprimento dos dereitos das pacientes, sobre todo no ámbito da saúde menta, xa que “causa danos a curto, medio e longo prazo, tanto físicos como mentais” nas persoas ás que se lles aplica.

Carreira recordou que o Movemento Galego de Saúde Mental fixo público un documento marco para a elaboración dun Plan para a erradicación das contencións mecánicas nos servizos de saúde mental e no que se recolle unha serie de propostas para lograr o obxectivo de contención cero.

“Un traballo que desde o BNG valoramos inmensamente e que volvemos poñer hoxe en riba da mesa pola necesidade de que se poña en marcha xa desde a Xunta”, remarcou nunha pregunta na comisión parlamentaria de Sanidade sobre o uso desta práctica en Galiza.

A responsable parlamentaria de Sanidade Hospitalaria indicou que, se ben non existe unha normativa específica para regular o uso das contencións mecánicas, si existen recomendacións de organizacións supraestatais e estatais para a súa erradicación, incluídas as do Comité de Ministros do Consello de Europa, as do Comité Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas e Tratos Inhumanos ou Degradantes ou a propia Lei de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia de 2021. 

Carreira indicou que si é posible rematar con este método en Galiza se se toman as medidas necesarias e, neste sentido, afondou en experiencias como as de Pensilvania, Andalucía, Cataluña, Suíza ou Italia, onde se logrou reducir a contención a practicamente cero e mesmo acreditar centros libres de contencións.

Mais para conseguilo e poder tomar as medidas oportunas, alegou, cómpre coñecer a realidade que hai no País, o que impide o Goberno de Alfonso Rueda ao negarse a facilitar os datos das contencións que se practican tanto nos centros dependentes da Xunta, como naqueles privados que reciben financiamento público, tal e como leva reclamando tempo o BNG.

Logo de advertir que dadas as evasivas do Executivo nunha primeira resposta, o Bloque volveu rexistrar unha pregunta na Cámara para reclamar de novo estes datos, Carreira remarcou que si hai información por distintas fontes de que se están a realizar contencións mecánicas e que se están a realizar “contencións e contencións mal aplicadas”. 

Neste sentido, recriminou ao Goberno do PP que desbotara as recomendacións para evitar esta práctica realizadas polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura do Defensor do Pobo, logo da visita realizada en 2021 ao hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago.   

“Acaso vostedes desde a Consellería de Sanidade non consideran que sexa necesario regular o uso das contencións mecánicas nun centro como o psiquiátrico de Conxo? Que haxa que limitalas, que haxa que adecualas aos estándares que se formulan?”, cuestionou ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, ao que afeou que, polo visto non, “nin no hospital psiquiátrico de Conxo, nin noutros centros”.

Nesta liña, tamén recordou que o mesmo organismos visitou en 2024 o hospital psiquiátrico de La Robleda, centro de carácter privado pero que conta con financiamento público que a Xunta tamén se nega a facilitar.

O Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura do Defensor do Pobo constatou nesta última visita contencións indebidas e que mesmo se mantiveron durante semanas, sen que o Executivo tomara ningunha medida ao respecto, pese a ser un centro que recibe recursos públicos.  

A deputada nacionalista recriminou ao alto cargo do Sergas que na súa resposta tivera “a valentía” de afirmar que “se estaba avanzando” neste ámbito de actuación cando non era o caso e recordoulle que as contencións mecánicas estanse aplicando non só nos centros psiquiátricos, senón tamén nos servizos de urxencia hospitalarios e nas plantas de hospitalización e tamén, remarcou, nas residencias de maiores e nos centros de menores.

“Se queremos avanzar cara a contención cero é necesario tomar medidas urxentes”, afirmou, para reprocharlle a continuación a Silva que falase de reducir as contencións ao mínimo imprescindible. “O mínimo imprescindible é cero, que non existan; vostedes están traballando nesa dirección ou simplemente en baixar o número das que, por certo, descoñecemos a día de hoxe?”, censurou.

Carreira incidiu na inacción do Goberno do PP ao respecto dunha situación que tanto o BNG como outras organizacións levan moito tempo denunciando, sen que a Xunta tome medida algunha “para garantir os dereitos humanos máis básicos das persoas, das pacientes”.

“Isto non é unha escena ficticia nunha serie de televisión, isto é algo que se ve todos os días”, recalcou para advertir a continuación que verse ou ver a un familiar “atado nunha cama” é das “peores experiencias que se poden vivir”. “Parécenos gravísimo a impunidade coa que a Xunta está a tratar as persoas cun trastorno de saúde mental e que reciben un trato degradante coa utilización dunha medida que non é terapéutica e que se usa como se o fose”, criticou para concluír a súa intervención.