BNG reclama ao Goberno do Estado a recuperación das liñas ferroviarias en Vilagarcía de Arousa

Estación de Vilagarcía de Arousa
Estación de Vilagarcía de Arousa

Néstor Rego: “Apostamos polo transporte ferroviario porque é o modo de mobilidade do futuro e para iso ten que haber investimentos e servizos adecuados”

Montse Prado: “É imposíbel que unha comarca coma O Salnés retroceda e conte cada día con menos servizos ferroviarios”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada da formación no Parlamento de Galiza, Montse Prado, denuncian un novo retallo dos servizos ferroviarios na comarca do Salnés coa supresión da parada de Vilagarcía na nova liña de tren directo Vigo-Madrid. A formación nacionalista urxe a recuperación desta parada, así como todas as liñas e frecuencias suprimidas durante a pandemia.

Acompañados de cargos orgánicos e institucionais da organización, denuncian a exclusión da comarca do Salnés dun servizo imprescindíbel para preto de 150.000 persoas, pois a Vilagarcía, cabeceira de comarca, hai que sumarlle as zonas de Caldas, Valga e incluso as habitantes que viven na comarca da Barbanza que, de ter un bo servizo, empregarían esta estación de tren. 

“Rexistramos iniciativas no Congreso para que houbese máis unha parada do tren Vigo-Ourense-Madrid en Vilagarcía e a resposta que recibimos do Goberno é que esa conexión directa xunto con dous enlaces máis, a través de Santiago de Compostela, son suficientes para Vilagarcía” explica Rego mentres apunta a que este escrito do executivo ten rexistro de saída do día 12 de xullo, posterior a que o alcalde de Vilagarcía anunciase que se ía recuperar ese servizo. “Parécenos contraditorio e entendemos que polo ton xeral da resposta que non hai intención de que esa parada se faga” subliña o deputado.

A argumentación empregada polo Goberno do Estado enfócase en que todas as conexións e paradas que hai “son suficientes” e indican que a media de viaxeiros é baixa. En contraposición, Rego sinala que este argumento “é unha falacia coa que se pretende xustificar esa desatención nos servizos ferroviarios na comarca do Salnés”. 

“O que hai que facer é mellorar os servizos ferroviarios e veremos como aumenta a demanda. No caso concreto da recuperación da parada do tren Vigo-Madrid non ten ningunha dificultade, simplemente tería que parar en Vilagarcía e isto permitiría que houbese dúas paradas nunha conexión directa Vilagarcía-Ourense-Madrid e con horarios adecuados” enfatiza Rego.

Rego avanza que a súa organización seguirá traballando para recuperar todas as liñas e frecuencias que se eliminaron no País e, en concreto, debaterase no Congreso unha iniciativa específica para recuperar as liñas suprimidas en Vilagarcía. “Apostamos por transportes públicos e colectivos de calidade e, especialmente, polo transporte ferroviario porque é o modo de mobilidade do futuro e para iso ten que haber investimentos e os servizos adecuados” remata o deputado nacionalista.

Así mesmo, a deputada da formación nacionalista no Parlamento de Galiza critica o desmantelamento as poucas conexións ferroviarias existentes na comarca coa supresión das paradas de Caldas, Catoira, Pontecesures. “Fóronse eliminando frecuencias e, aínda despois de rematado o estado de alarma, en Vilagarcía tamén se eliminaron liñas importantes como a das oito menos dez da mañá que prestaba servizo ás persoas que ían a Universidade ou para facer algún tipo de xestión” exemplifica Prado. 

“É imposíbel que unha comarca, con todo o potencial que ten O Salnés e Vilagarcía como cabeceira de comarca, estea nesta situación de cada vez ter un menor servizo ferroviario cando estamos nun contexto de loita contra o cambio climático que exixe unha maior aposta polo servizo ferroviario público” conclúe Montse Prado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG