BNG reclama ao Goberno desbloquear a xubilación anticipada do persoal de Gardacostas da Galiza
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado desbloquear o expediente iniciado para o recoñecemento dos coeficientes redutores que permitan a xubilación anticipada do persoal do Servizo de Gardacostas da Galiza.
A iniciativa demanda unha actuación inmediata do Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións para dar curso á solicitude presentada ao abeiro do Real Decreto 1698/2011 e rematar cunha situación de discriminación que afecta a este colectivo.
Segundo sinala Rego, “o persoal de Gardacostas da Galiza desenvolve o seu traballo no mar, sometido ás mesmas condicións de risco, desgaste físico e penosidade que outros profesionais que xa teñen recoñecidos coeficientes redutores para acceder á xubilación anticipada”. Por iso, considera “inxustificábel” que continúe excluído deste dereito unicamente pola súa condición funcionarial.
O deputado nacionalista lembra que esta é unha reivindicación histórica do colectivo e que tanto a representación sindical como o propio BNG trasladaron en numerosas ocasións esta demanda ás institucións do Estado. “Non existe ningún impedimento para resolver esta cuestión e a solicitude xa foi realizada, o que falta é vontade política para tramitar e resolver o expediente” afirma.
A formación nacionalista denuncia que, a pesar de que o procedemento foi iniciado en abril de 2024 pola Confederación Intersindical Galega, organización sindical máis representativa na Galiza, desde entón non se coñece ningún avance efectivo. Non se produciron comunicacións oficiais sobre o estado da tramitación nin actuacións orientadas á súa resolución por parte da Dirección Xeral de Ordenación da Seguranza Social.
Para Néstor Rego, “o Goberno do Estado non pode seguir mantendo paralizada unha demanda plenamente xustificada e avalada polas condicións reais nas que desenvolven o seu labor os e as gardacostas galegas”. Neste sentido, subliña que este persoal debe cumprir os mesmos requisitos de formación, aptitude médica e habilitación profesional que o resto de traballadores e traballadoras do mar, realizando ademais funcións de inspección, control e salvamento en condicións especialmente esixentes.
“O Ministerio de Seguranza Social debe actuar dunha vez por todas para corrixir esta discriminación e garantir un trato xusto ao persoal de Gardacostas da Galiza. Non son admisíbeis máis atrasos nin máis escusas” conclúe Rego.