BNG reclama ao Goberno a apertura total do aparcamento público da Casa do Mar de Vilagarcía de Arousa

Néstor Rego
Néstor Rego defende que o Instituto Social da Mariña chegue a un acordo co Concello para pór a disposición da veciñanza todas as prazas que permanecen sen uso polas tardes e as fins de semana

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda  ao Goberno do Estado habilitar como aparcamento público as 45 prazas existentes na parcela da Casa do Mar de Vilagarcía de Arousa, situada entre a Avenida da Mariña e a rúa Elpidio Villaverde, nos períodos en que as instalacións do Instituto Social da Mariña permanecen fechadas, concretamente durante as tardes dos días laborábeis e ao longo das fins de semana.

A organización nacionalista lembra que hai máis de ano e medio a corporación municipal de Vilagarcía de Arousa aprobou, por iniciativa do BNG, un acordo para que o Concello iniciase negociacións co Instituto Social da Mariña (ISM) co obxectivo de facer posíbel o uso público destes espazos de estacionamento. Porén, o BNG denuncia que desde entón non se produciu ningún avance que permita aproveitar unhas prazas que, tras a renovación da Casa do Mar, permanecen fechadas e sen uso, agás para o persoal de seguranza.

Néstor Rego salienta que a proposta "permitiría incorporar de maneira inmediata 45 novas prazas de aparcamento nunha zona especialmente tensionada, sen necesidade de executar novas infraestruturas e optimizando uns recursos públicos que actualmente permanecen infrautilizados".

O deputado nacionalista lembra que o BNG aposta por políticas de transformación urbana baseadas na humanización dos espazos públicos para mellorar a calidade de vida da veciñanza. "Mais estas actuacións deben ir acompañadas de alternativas reais de estacionamento que permitan compatibilizar unha mobilidade máis sustentábel coas necesidades diarias da cidadanía" subliña.

Neste sentido, Rego advirte que a falta de prazas de estacionamento no centro de Vilagarcía é xa un problema estrutural que se verá agravado coa futura desaparición do aparcadoiro disuasorio da zona como consecuencia das obras do ramal. "É precisamente neste contexto cando resulta máis incomprensíbel manter pechadas 45 prazas públicas que poderían contribuír de forma significativa a aliviar esta situación" afirma.

Ante esta situación, Rego exixe ao Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións, do que depende o Instituto Social da Mariña, a implicarse na procura dunha solución e facilitar un acordo co Concello de Vilagarcía que permita abrir ao uso público estas prazas fóra do horario de funcionamento da Casa do Mar.

"O Instituto Social da Mariña debe actuar con vontade de colaboración institucional e contribuír a resolver un problema que afecta diariamente á veciñanza de Vilagarcía. Non ten sentido que unhas instalacións públicas permanezan pechadas e baleiras durante boa parte do tempo cando poden prestar un servizo de evidente interese xeral" conclúe Néstor Rego.