Senado

BNG reclama ao Estado medidas de emerxencia para a mellora e adecuación do miradoiro do Fiunchal en Moaña

Carme da Silva

Carme da Silva: “Non é de recibo que a veciñanza leve cinco anos sen poder acceder a un espazo público en pleno dominio marítimo-terrestre mentres o Estado mira para outro lado”

Ante o dano estrutural existente tanto no miradoiro do Fiunchal como no paseo marítimo, a organización nacionalista urxe actuacións inmediatas

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Senado unha batería de iniciativas co obxectivo de que o Goberno do Estado, a través da Dirección Xeral da Costa e o Mar, adopte as medidas de emerxencia necesarias para garantir a integridade e seguranza do miradoiro do Fiunchal en Moaña, así como do tramo do paseo marítimo da rúa José Costa Alonso afectado polos efectos da erosión mariña.

A senadora do BNG, Carme da Silva, advirte da “situación crítica” que vive este espazo, “un lugar emblemático sobre a praia de O Con, única bandeira azul do municipio, que leva cinco anos inaccesíbel debido ao grave deterioro do muro de contención que o sustenta”. Como recordou, o Concello viuse na obriga de pechar o acceso ao miradoiro e acordoar a zona da praia ante o risco de desprendementos.

“O problema non só afecta ao miradoiro, senón tamén á calzada da rúa José Costa Alonso, que sofre afundimentos e presenta fendas e fochanca como consecuencia da acción do mar, agravada polos efectos do cambio climático” sinala a senadora nacionalista. “É unha cuestión de seguridade cidadá e tamén de responsabilidade institucional. Costas non pode seguir ignorando a súa competencia” engade.

O BNG lembra que tanto o miradoiro como o paseo atópanse claramente dentro do dominio público marítimo-terrestre, segundo a propia planimetría oficial, polo que a súa conservación e adecuación son responsabilidade da administración do Estado. A este respecto, a formación nacionalista invoca o artigo 2 da Lei de Costas, que obriga a velar pola conservación e restauración destes espazos, incluíndo medidas de adaptación fronte ao cambio climático.

“A veciñanza leva anos reclamando solucións e o Concello, dentro das súas limitadas posibilidades, xa realizou actuacións puntuais e remitiu informes técnicos á Xefatura Provincial de Costas en Pontevedra. Incluso a alcaldesa solicitou en repetidas ocasións unha reunión coa Dirección Xeral da Costa e o Mar” explica Carme da Silva, quen lamenta “a falta total de resposta por parte do Goberno central”.

Ante esta situación, o BNG dirixe ao executivo unha serie de preguntas por escrito exixindo adoptar todas as medidas posíbeis para a reparación do miradoiro e o paseo marítimo. En opinión da senadora do BNG, o Goberno ten que ser consciente do perigo que representa a situación actual e “debe estar disposto a manter unha reunión coa alcaldesa de Moaña e valorar positivamente a colaboración institucional mostrada polo Concello”.