Parlamento Galego

BNG proporá no Pleno crear unha Valedoría da Igualdade para situar Galiza como referente na loita polos dereitos das mulleres

Olalla Rodil

Olalla Rodil critica o conformismo e a falta de ambición nas políticas de igualdade “que o PP usa como propaganda para envolverse un día ao ano”

Lamenta a negativa de Alfonso Rueda a dar a cara para render contas sobre a “traizón” ós e ás galegas que supón renunciar a máis de 4.000 M€ de quita

Coincidindo coa proximidade da conmemoración do 8-M e nun contexto de rearme do machismo a escala global, o BNG centrará nos dereitos das mulleres boa parte das iniciativas que defenderá no Pleno da próxima semana, no que a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntaralle tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre “as medidas que vai adoptar o Goberno galego para avanzar na igualdade real das mulleres”.

Así o avanzou tras a reunión da Xunta de Portavoces, na que se fixou a orde do día do Pleno, a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, quen aproveitou para advertir do “avance do discurso negacionista e desacomplexamente machista” mentres as mulleres seguen soportando maiores cotas de precariedade e pobreza, como demostra o feito de que en Galiza o 40,2 % das mulleres obtiveron no 2023 ingresos inferiores ao SMI, ou que a fenda salarial sexa aínda de 4.500 euros ao ano.  

“Fronte ao conformismo e a declaración de intencións, fronte á tentación de quen aproveita a vaga reaccionaria para rebaixar a esixencia ás institucións”,  unha das propostas que o BNG defenderá é a creación da Valedoría da Igualdade como órgano de defensa cidadá perante situacións de discriminación por razón de xénero, con funcións de investigación, asesoramento, mediación e capacidade de sancionar ás empresas que incumpran ou vulneren “os principios elementais de igualdade”.

“Queremos situar a Galiza nos máis altos estándares de promoción da igualdade e de loita contra a discriminación por razón de xénero”,  afirmou Rodil, que adiantou que o Bloque tamén vai preguntar ao Goberno do PP polo Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar, que se acordou no Parlamento por unanimidade hai xa tres anos pero do que nada se sabe malia que tamén foi incluído na Lei de Igualdade.

O PP non só non avanzou na posta en marcha deste observatorio, criticou Rodil, senón que aproveitando a Lei de Acompañamento reduciu a representación no mesmo das mulleres do mar. “Un exemplo máis de moitos incumprimentos e da falta de ambición nas políticas de igualdade que o PP usa como propaganda para envolverse un día ao ano”, laiouse a viceportavoz.

Ningunha lección de feminismo

A deputada nacionalista pronunciouse, neste punto, sobre o cartel que o PP está empregando para atacar o BNG. “Unha mentira, por moito que se repita mil veces, non deixa de ser unha mentira”, advertiu, subliñando acto seguido o que sobre esta cuestión dixo a portavoz nacional “dende o primeiro día” que lle preguntaron. “As mulleres, igual que os homes en política, temos que ser valoradas polo noso traballo e polas decisións que tomamos sen que poida caber nunca consideración algunha ou referencia persoal á nosa aparencia ou á nosa vida”,  asegurou Rodil, que remitíndose de novo ás palabras de Pontón destacou que “se es conselleiro ou conselleira, hai unicamente que xulgarte polo teu traballo”.

“Á señora García hai moito que criticarlle a nivel político, como que neste País morre cada día xente agardando polas axudas á dependencia”, engadiu a viceportavoz, salientando que “o BNG non vai recibir leccións de feminismo do PP”.

“Supoño que a compañeira sentimental do que aínda hoxe é portavoz municipal do PP da Illa de Arousa, que está condenado por agresión machista, por unha agresión física, tamén se pregunta como esta persoa pode seguir en primeira liña da política co beneplácito do presidente, que é tamén o presidente da Xunta”, destacou.

O servilismo do PP máis antigalego da historia

Noutra orde de cousas, a quita da débeda será o segundo gran tema dos asuntos que o BNG levará ao próximo Pleno. Rodil lamentou que o presidente da Xunta se negue a dar a cara acudindo ao Pleno para explicarlle aos galegos e ás galegas por que se somete ás directrices de Génova e rexeita a condonación dun terzo da débeda galega, o que supón renunciar a máis de catro mil millóns de euros que poderían ser investidos en sanidade, atención á dependencia ou ensino.

O PP rexeitou, tal e como pedía o Bloque, a celebración dun Pleno extraordinario e a comparecencia de Rueda sobre a quita, negociada pola formación nacionalista no pacto de investidura. Comparecerá, na súa vez, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, a quen igualmente o BNG pedirá explicacións pola “traizón a Galiza que o PP quere perpetrar renunciando a condonación dun terzo da débeda”.

“É absolutamente inadmisible”, considerou Rodil, para quen “fora das paredes de San Caetano, onde parece que se encastela o PP, é incomprensible que o PP, por puro servilismo á súa dirección de Génova en Madrid renuncie a ter que pagar menos pola débeda, que supón a terceira partida de gasto nos orzamentos da Xunta”.

 “Temos o Partido Popular máis antigalego da historia de Galiza”, concluíu a viceportavoz.