O BNG propón sancións, reforzar as inspeccións e auditorías nas empresas contra a brecha salarial

Noa Presas e Olalla Rodil
Noa Presas e Olalla Rodil

Presas replica a Feixóo que “tomar nota” non pode reducirse a un mero cálculo electoral e Rodil asegura que o 8M abre un “tempo novo” na loita pola igualdade real porque xa non valen “as declaracións de intencións”

“E agora que?” O BNG ten claro que as masivas mobilización do 8M non poden quedarse nunha “xornada histórica” senón que, en palabras da deputada Olalla Rodil, “abriron un tempo novo na loita pola igualdade real e efectiva das mulleres, un tempo novo no que xa non serven a propaganda nin as declaracións”. Por contra,  “é o momento de estar á altura, facer resoar a voz das mulleres e do movemento feminista no Parlamento e impulsar acordos que nos permita avanzar na igualdade,  non chegan as declaracións de intencións”, recalcou.

Dentro dos acordos a impulsar, o BNG fai unha tripla proposta centrada na loita contra a desigualdade salarial con tres medidas que poden ser efectivas en dous meses.

En primeiro lugar, incorporar á normativa sancións ás empresas como ás que existen en países do entorno, -Francia, Bélxica ou Islandia-,  ante a evidencia de que temos unha Lei de Igualdade que non se cumpre e, ao mesmo tempo, reforzar as inspeccións laborais “porque nun contexto de brecha salarial do 28% é ridículo que son haxa un 0,1% de sancións por discriminación salarial”, indicou a deputada Noa Presas, quen pediu ao Estado “que actúe con responsabilidade ou nos permita facelo desde Galiza”.

En segundo lugar, o Bloque aposta pola transparencia salarial “con información desagregada por niveis salariais, composición, pluses e complementos, que é onde radica o fondo da discriminación. Esa información deber ser pública para a Administración, para os cadros de persoal e para os seus representantes sindicais”, explicou Presas. E, en terceiro lugar, auditorías salariais nas empresas que superen os 50 traballadores ou traballadoras “para detectar situacións de discriminación, tal como recomenda a Unión Europea”

“Con estas tres medidas lanzamos unha mensaxe á sociedade de que efectivamente tomamos nota pero non con declaracións baleiras como as do señor Feixóo que se dedica a dicir que toma nota simplemente movido polos resultados das enquisas e por intereses electoralistas”, criticou Presas, “pero o mandato do 8M non consiste nese tomar nota para non facer nada senón en adoptar medidas concretas para avanzar na loita contra a desigualdade e contra a violencia ás mulleres”, recalcou.

As deputadas do BNG foron moi críticas coas recentes declaracións da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que en lugar de rectificar as políticas do PP que afondaron na discriminación se dedica a “disparar” contra as forzas da oposición e contra o movemento feminista galego. “Minte cando di que non presentamos alternativas en materia de igualdade e contra da violencia machista que o seu grupo político veta de xeito sistemático”, denunciou Presas.

A formación nacionalista salientou tamén que en 2016 a Xunta deixou sen executar o 12% dos recursos previstos en política de igualdade, case dous millóns de euros, polo que o Bloque vixiará a execución orzamentaria de 2017.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG