BNG propón unha renda galega de inclusión para facer fronte ao aumento da precariedade e á desigualdade no País

Luís Bará

Luís Bará advirte da situación de “auténtica emerxencia social” en Galiza, con case o 44 % da poboación ao borde da exclusión

Acusa a Rueda de ser un presidente con corazón de ferro que “mira para outro lado” mentres as galegas e os galegos pásanas ‘canutas’

O viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará denunciou a “auténtica emerxencia social”  na que se encontra Galiza, con case o 44 % da poboación ao borde da exclusión, e anunciou a proposta de creación dunha renda galega de inclusión para facer fronte ao aumento da desigualdade e á precariedade no País, segundo vén de confirmar o informe Foessa.

“Estamos diante dunha auténtica emerxencia social e nacional que require dunha resposta áxil e integral por parte do Goberno da Xunta, que nega a realidade e pinta unha Galiza de rosa” mentres, nos últimos seis anos, aumentou do 31,1 ao 43, 8 % a poboación en situación de vulnerabilidade constante, até acadar as 1.182.000 persoas que se atopan no País ao borde da exclusión.

O informe Foessa amosa, subliñou, unha realidade de precariedade e desigualdade crecente, “cunha parte pequena da sociedade cada vez máis ultrarrica e unha parte máis grande cada vez máis vulnerable con dificultade para chegar a fin de mes, de pague o aluguer ou de acceder a coidados e saúde”.

Diante diso, engadiu, o PP na Xunta mantén no caixón, desde hai case cinco anos xa, a modificación de Inclusión Social”. “É o exemplo máis claro dun goberno insensíbel e dun presidente da Xunta co corazón de ferro que mira para outro lado mentres centos de miles de galegos e galegas as pasan canutas”, denunciou.

Para axudar os sectores da sociedade máis vulnerables, Bará anunciou que o BNG vai rexistrar unha proposición de lei de reforma da Lei de Inclusión que inclúa a compatibilización do cobro da Risga co Ingreso Mínimo Vital, xa que “por si soas son prestacións insuficientes”. O IMV só chega ao 51 % das persoas en pobreza severa e o Risga reduciu a súa cobertura á metade, pasando de 25.380 a 13.500 a cifra de beneficiarios.

Porén, a proposta do goberno alternativo do BNG vai máis aló destas prestacións e inclúe a creación da Renda Galega de Inclusión Social e Laboral, concibida como un rendemento básico que englobe o conxunto de axudas “presentes e futuras” para mellorar as condicións económicas e sociais das persoas en risco de exclusión.

A renda que propón o BNG contempla, con este obxectivo, dúas modalidades de prestación. Por unha banda, a renda básica de inclusión social e laboral, dirixida a persoas que non dispoñen de ingresos procedentes do traballo e cun nivel de renda que non chegue ao mínimo. Por outra, unha reda complementaria de ingresos do traballo para persoas que, aínda tendo ingresos laborais, teñen dificultades para facer fronte a gastos asociados á necesidades básicas de alimentación ou outros produtos de primeira necesidade.  

Prestación de vivenda e tarxeta básica

A proposición de lei nacionalista inclúe, así mesmo, unha prestación de vivenda complementaria ás anteriores e a regulación da Tarxeta Básica como un recurso de emerxencia para garantir, mentres non se accede a outras prestacións, os produtos de primeira necesidade. A maiores, tal e como explicou Bará, o BNG propón o deseño de programas específicos de loita contra a pobreza dirixidos a fogares, colectivos sociais e persoas en situación de vulnerabilidade como familias monoparentais, cidadáns con difícil empregabilidade ou poboación migrante.

“É necesario deseñar novos instrumentos para facerlle fronte á realidade dramática que reflicte o informe de Foessa”, destacou de deputado nacionalista, contrapoñendo a iniciativa do Goberno alternativo do BNG, que se rexistrará no Parlamento, á “vagancia” e á “insensibilidade” do Goberno de Rueda, ao que recriminou “só anda lixeiro cando se trata de baixarlle os impostos ás grandes fortunas ou para obedecer as ordes dos seus xefes de Madrid”.