BNG propón reforzar as axudas do Plan Galiza Renova Electrodomésticos ao comercio, Pemes e Micropemes de venda destes produtos

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez  critica que as axudas se destinen ás grandes superficies comerciais, hipermercados e grandes cadeas de electrodomésticos que  representan unha “competencia desleal” para o pequeno comercio de proximidade

O parlamentario do BNG, Daniel Pérez propuxo hoxe na comisión de Industria, reforzar as axudas do Plan Galiza Renova electrodomésticos para o comercio, PEMES e MICROPEMES de vendas destes produtos e criticou que sexan destinadas ás grandes superficies comerciais, hipermercados e grandes cadeas de electrodomésticos. O parlamentario do BNG instou á Xunta  a   poñerse do lado do comercio galego e tomar medidas para a posta  en valor do pequeno comercio de proximidade. Dani Pérez destacou o papel do pequeno comercio  na dinamización das nosas vilas e cidades, un sector estratéxico, dixo,  para a nosa economía e fundamental na creación de emprego no noso país”.

A través dunha pregunta parlamentaria ao Goberno, o deputado lembrou que o pasado día 1 de marzo foi publicada no DOG a Resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, o Plan Galicia Renova Electrodomésticos. As axudas teñen como obxectivo un uso máis eficiente da enerxía nas vivendas, a redución do consumo e emisións de gases invernadoiros e paliar a situación económica da cidadanía concedendo axudas ás persoas con menos recursos.

O nacionalista considerou que as axudas contribuirán a reducir os custes da “brutal escalada de prezos do gas e da electricidade” e que están a repercutir moi negativamente nas economías familiares pero aínda concordando con estes obxectivos, alegou que estamos ante “unha nova oportunidade perdida” para apoiar ao comercio galego, as PEMES e MICROPEMES de venda de electrodomésticos.

Daniel Pérez recalcou que a “sangría” dos negocios non cesa  e nos últimos 12 anos , os que leva o PP no goberno galego, tiveron que pechar as súas portas 27.000 negocios en Galiza, por mor da pandemia, a emerxencia do comercio en liña, o avance das grandes superficies e das grandes cadeas comerciais e a liberalización abusiva dos horarios e período de rebaixas.

Mentres todos este factores asfixian ao pequeno comercio, o Goberno galego asumiu en silencio a inxerencia do Goberno do Estado  nas competencias galegas e non implementou políticas de apoio, permaneceu pasivo ante a proliferación de grandes superficies comerciais, e agora, colabora para que as axudas á renovación de electrodomésticos incrementen as súas vendas. No ano 2021 estas axudas contaron cun orzamento de 3M€ dos que a páxina do Inega ofrece datos desagregados por número total, provincia de solicitudes e por tipo e cantidade de electrodomésticos que se solicitaron, pero “non aparece ningún dato nin do número de establecementos e de que tipo, nin que cantidades de solicitudes e diñeiro se tramitaron a través deles”.

Tras a resposta da Directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, o deputado lamentou que unha vez máis, o goberno non amosara a intención de comprometerse como fixeron noutras comunidades como La Rioja na que foi implementando un Plan de renovación de electrodomésticos “limitado ao pequeno comercio” para potenciar o sector.

Daniel Pérez preguntou se a Xunta ten previsto, en próximas convocatorias, delimitar as axudas aos comercios de proximidade e familiares e criticou que o actual programa fora reducido  de 3 millóns de euros  a  2M€.

O  deputado do BNG concluíu a súa intervención afirmando que o goberno galego ten a obriga de protexer a todos os galegos e galegas, sobre todo nun momento de gran incremento da factura da luz polo que reclamou poñer en marcha “unha tarifa eléctrica galega” para beneficiar ás familias e empresas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG