BNG propón que a recuperación ambiental dos terreos que debe liberar ENCE se sufrague con fondos Next Generation

Presentación Pontevedra
Presentación Pontevedra

Pontón presenta en Pontevedra o Proxecto de rexeneración produtiva das rías incluído no documento Galiza Next cun investimento de 1.096 M€

Recuperación ambiental, investigación e comercialización centran o plan do BNG para aproveitar todo o potencial económico e de emprego das rías

BNG propón que a recuperación ambiental dos terreos que debe liberar ENCE se sufrague con fondos Next Generation

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Pontevedra o Proxecto de rexeneración produtiva das rías por valor de 1.096 M€, incluído dentro do documento Xerar Futuro, Galiza Next, que recolle as propostas do BNG para utilizar os fondos de recuperación europeos para saír da crise e sentar as bases do desenvolvemento das próximas décadas.

“Un proxecto de país que ten por obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, que recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambiental, investigación científica e comercialización e transformación”, explicou, poñendo como exemplo de recuperación ambiental os terreos que hoxe ocupa a factoría de ENCE en plena Ría de Pontevedra.

“600.000 metros cadrados de terreo que ocupa ENCE, para os que xa existe plan municipal de ordenación ambiental e paisaxística, que ten por obxectivo recuperar o espazo vacante unha vez que se leve a cabo o traslado da pasteira a outra localización”, indicou Pontón, como unha das actuacións de rexeneración das rías incluídas no proxecto Galiza Next con cargo aos fondos europeos.

Sumado a outras actuacións, -a descontaminación dos terreos da antiga fábrica de ELNOSA e dos terreos do espazo natural Xunqueira de Alba-, permitiría recuperar  un millón de metros cadrados de dominio público marítimo terrestre en Pontevedra e dar paso á maior transformación da historia da cidade, indicou a portavoz do BNG.

Neste sentido, Pontón insistiu no traslado, “responsabilidade tanto da pasteira como dos gobernos central e da Xunta”, e instou ao presidente galego a que, por unha vez, se coloque do lado do País.

“Que o PP se coloque do lado dos intereses de ENCE non é ningunha novidade, defende o interese dunha empresa do IBEX 35 e non o interese xeral de Pontevedra e de Galiza”, demandou tras lembrar os tempos en que era o propio Feixóo quen reclamaba o traslado, “pero xa vemos que a súa palabra non vale nada”.  Para o BNG a saída de ENCE fora da Ría segue tan vixente coma sempre, máxime tras as recentes declaracións do conselleiro delegado recoñecendo que a factoría supoñía un perigo ambiental.

“Mudouse a lei á medida dunha empresa, e iso non se pode permitir, ENCE ten que buscar outra localización”, recalcou Pontón preguntada polos medios, “para recuperar a ría e permitir a xeración de riqueza e emprego noutra actividade. Hai que poñer en marcha o traslado e deixar de chantaxear á cidade de Pontevedra e aos gobernos porque iso nunha democracia non é admisible”.

O Proxecto de rexeneración produtiva das rías aposta pola recuperación integral de todo o litoral para acabar coas perdas no sector marisqueiro, completar e modernizar a rede de saneamento, de tal xeito que todos os concellos a carón das rías deben ter unha depuración integral das augas residuais. Unha esixencia que tamén deben cumprir as industrias, porque se trata de evitar que chegue ao mar ningún tipo de contaminación biolóxicas, química o física.

Igualmente, entre as propostas, recuperación de espazos danados por obras públicas para restablecer no posible á situación previa, rexeneración dos fondos das rías a través das necesarias dragaxes, como por exemplo na Ría do Burgo na Coruña ou en Pontevedra e dragaxe entre As Corbaceiras e a Illa de Tambo. E o control dos ríos, porque son a principal fonte de auga doce das rías galegas ás que aportan nutrientes esenciais para a produtividade marisqueira.

Nestas actuacións o proxecto incluído no documento Xerar Futuro, Galiza Next recolle un investimento de 950M€.

Promoción e comercialización produto galego

En canto ás actuacións en materia de investigación científica plásmanse en medidas como a creación dun consorcio que coordine todos os centros de investigación relacionados co sector do mar;  proxectos para a recuperación das zonas improdutivas ou de baixo rendemento, plans de explotación, mesmo estudando a implantación de novas especies susceptibles de ser comercializadas; e bancos de semente autóctona para moluscos e bivalvo. Todo cun orzamento de 60 M€.

E no ámbito da transformación e comercialización, o Galiza Next inclúe unha sociedade público-privada para a promoción e comercialización do produto galego, con funcións como elaborar unha marca que identifique e poña en valor o produto das rías, controis de mercado que diferencien o produto autóctono do de procedencia foránea e seguimento da cadea de comercialización e promoción.

Tamén propostas de aforro enerxético e de uso de enerxías renovables en todas as instalacións publicas do complexo mar-industria, cun investimento de 29M€, concluíu Pontón no acto de presentación no que tamén participou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

“Hai que evitar un puñado de multinacionais se queden cos fondos de recuperación, repetindo os erros da crise de 2009 na que se rescatou a banca”, salientou Pontón, tras indicar que o BNG vai levar o documento Xerar Futuro, Galiza Next á Comisión parlamentaria de reactivación económica”. E en relación aos proxectos anunciados pola Xunta, “son expedientes X que non foron remitidos á Cámara”.

BNG propón que a recuperación ambiental dos terreos que debe liberar ENCE se sufrague con fondos Next Generation