BNG propón que a Xunta condone as contías que reclama ás persoas perceptoras da RISGA que reciben o IMV

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil aposta tamén pola bonificación ao 100% ante o “despropósito” de pedir a devolución de ata 5.000 euros a persoas que cobran 400 ao mes

“Están a ser tratadas como defraudadoras cando non o son”, reproba

BNG vén de propoñer no pleno do Parlamento galego que a Xunta condone ou bonifique ao 100% as contías reclamadas como cobro indebido a aquelas persoas beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galiza (RISGA) que lles foi recoñecido o dereito ao Ingreso Mínimo Vital (IMV), e perciban, con carácter retroactivo, as cantidades correspondentes desde a aprobación desta prestación.

Segundo explicou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, estas persoas “están a ser tratadas como defraudadoras cando non o son”, senón que, polo contrario, carecen de responsabilidade algunha nunha situación xerada única e exclusivamente polas Administracións, “polos gobernos galego e español que nin informaron ás persoas beneficiarias, nin ás traballadoras sociais e que, nin sequera, nas comunicacións oficiais remitidas son iguais nas catro provincias”.  

“Que se lle reclamen cantidades que oscilan entre os 3.000 e os 5.000 euros a persoas que perciben pouco máis de 400 euros ao mes é un despropósito”, reprobou para a continuación incidir en que nin fixeron nada ilegal, nin reciben unha esmola que dependa da gracia do goberno, senón que ámbalas dúas prestacións son un dereito de garantía mínima de ingresos para persoas en situación de pobreza e exclusión social, algunhas delas con menores a cargo.

Rodil rexeitou a proposta impulsada pola Xunta de bonificar familias con menores a cargo e aprazar 30 meses a devolución da débeda, porque “entre tanto es un debedor ou debedora da administración co que iso implica” e porque “as leis non son as Táboas de Moisés e poden modificarse” e, en concreto, a lei de inclusión social que establece a incompatibilidade “debería ter sido modificada a proposta da Xunta hai case un ano”.

A tamén portavoz parlamentaria de Dereitos Sociais recriminou ao Goberno do PP que non o tivera feito pola vía rápida coa Lei de Acompañamento dos Orzamentos, tal e como propuxera o BNG, porque “hoxe estariamos falando dunha situación ben diferente”, e criticou que as bonificacións previstas polo Executivo galego só chegan a fogares con menores a cargo que non son a maioría dos fogares que ingresan a RISGA.

Logo de denunciar que asistimos a un claro exemplo onde “toda a maquinaria da Administración se pon en contra da poboación máis vulnerable”, Rodil volveu reclamar en sede parlamentaria que o Goberno estatal acelere a tramitación do IMV recoñecendo automaticamente ás persoas perceptoras de rendas autonómicas, no caso galego da RISGA, coas pasarelas administrativas.

De igual xeito, pediu que se transfira a xestión do Ingreso Mínimo Vital a Galiza, tal e como prevé a lei que o crea “porque a obsesión centralista só está a traer demoras, atrancos e unha xestión ineficiente que prexudica ás persoas máis vulnerables, ademais de xerar unha enorme frustración no conxunto da sociedade”.

Neste sentido, a moción nacionalista, que foi rexeitada polo PP, recollía tamén blindar a RISGA facéndoa complementaria co IMV para camiñar cara á garantía de ingresos nun contexto que non é hoxe o do século pasado” porque, segundo subliñou, “ter un posto de traballo non significa contar cun salario suficiente para vivir dignamente”.

Para isto, propuxo crear dúas modalidades de prestación que supere os actuais tramos previstos na lei de inclusión, cunha renda mínima de inclusión social e laboral dirixida a aquelas persoas que non dispoñan de ingresos procedentes de rendas do traballo, e outra renda complementaria de ingresos do traballo dirixida ás persoas que o seu salario non lles dá para contar cun nivel mensual de ingresos suficientes para facer fronte aos gastos asociados ás necesidades básicas.

Así mesmo, defendeu a necesidade de crear unha prestación complementaria de vivenda dirixida a cubrir as necesidades habitacionais e acabar coa indecencia actual porque a lei de inclusión di que o complemento de aluguer na RISGA pode chegar ao 25% do IPREM e non se cumpre porque chega só ao 10 ou o 15% se son fogares con menores a cargo.

“Hai que cambiar o paradigma, o enfoque de que as rendas de garantía de ingresos non son esmolas, senón dereitos que deben garantir unha vida en condicións dignas a todas as persoas”, concluíu.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG