BNG propón que a nova dirección da CRTVG atenda a criterios profesionais e non partidistas e implique un cambio de modelo
Olalla Rodil pide ampliar quince días o prazo límite do 13 de maio que o PP activou unilateralmente para poder dialogar e chegar a acordos sobre o nomeamento
“É unha oportunidade para deixar atrás o control político, a manipulación informativa e o desprestixio e devolverlle os medios públicos aos galegos e ás galegas”
O BNG esixe o compromiso no prazo de un mes desde a toma de posesión da nova dirección de crear o Consello de informativos e de garantir o pluralismo político
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, trasladou este xoves as propostas do BNG cara á inminente data de renovación da dirección da Crtvg, que o PP activou de xeito unilateral para o 13 de maio. Propostas que inclúen, no máis inmediato, a ampliación a 15 días do prazo para negociar co resto de grupos parlamentarios a nova dirección da radio e da televisión públicas, tal e como se explícita na iniciativa que vén de rexistrar o BNG esta mañá na Cámara galega.
O BNG quere afrontar esta nova etapa dos medios públicos “con transparencia, implicando o conxunto da sociedade”. E, para iso, o primeiro que pide é “calma porque mal empezamos cando se nos ofrece diálogo despois de activar unilateralmente o PP o proceso e cunha data límite”, afirmou Rodil, asegurando que este proceso “é unha oportunidade para deixar atrás o control político, a manipulación informativa, o desprestixio, a degradación, e o conflito como norma de relacionarse, unha oportunidade de abrir unha etapa nova que devolva a Crtvg ás galegas e aos galegos”.
Esa é vontade coa que traballa o BNG e que Rodil trasladou esta mañá ao Colexio de Xornalistas e ao Comité Intercentros da Crtvg, nunha reunión na que lles comunicou a posición do Bloque neste proceso e que recolle, en segundo lugar, a esixencia de criterios concretos para a elección do cargo, que pasan pola independencia partidaria, a contrastada traxectoria profesional no xornalismo e/ou no sector audiovisual en Galiza, con formación en materia de xénero —isto é esencial—, que conte cunha proposta de estrutura directiva que reflicta pluralismo, paridade e renovación a respecto do período anterior —onde hoxe non hai pontes cos e coas traballadoras—. “O que non podemos é seguir mantendo as mesmas estruturas simplemente cambiando un nome por outro na dirección”, matizou.
A nova dirección ten que valorar ademais “a importancia da Crtvg para o País e para a lingua, garantindo a presenza de programación infantil e xuvenil actualizada e de calidade en lingua galega, que cumpra con ese papel esencial que ten na normalización da lingua galega e na adaptación a unha realidade que é moi distinta á de 1984”.
“Un debate sobre o modelo, non de nomes”
En terceiro lugar, Rodil sinalou que para o Bloque Nacionalista Galego, o futuro dos medios públicos de Galiza e a renovación da súa dirección xeral non debe ser un “debate de nomes senón de modelo e de garantía de cumprimento da súa misión de servizo público, especialmente a respecto do dereito de acceso da poboación a unha información veraz, plural e obxectiva.
Por iso, o BNG propón que, no prazo de un mes desde a toma de posesión no cargo, a nova dirección debe adoptar unha serie de compromisos, a comezar pola creación do Consello de informativos como órgano de participación interna das e dos profesionais da Crtvg na liña editorial, tal e como teñen todos os entes públicos da nosa contorna.
En segundo lugar, a nova dirección debe garantir o pluralismo social e político nos espazos informativos e de opinión que recolla a diversidade que existe na sociedade galega que “está vetada” nos medios públicos do seu País, moi especialmente nos servizos informativos, que “o Partido Popular converteu no terminal de propaganda”. Neste punto, Rodil recordou que a líder da oposición, Ana Pontón, que representa un terzo do hemiciclo con case medio millón de votos, “non é entrevistada na TVG desde hai máis de un ano, desde as eleccións” e que a última vez que a entrevistaron foi porque “lles obrigou a lei a facelo”.
Como terceiro compromiso, a nova dirección debe blindar a produción propia, lembrando que “temos grandes contedores matinais e de tarde que están cubrindo información diaria —como o conclave— que están en mans de produtoras privadas”.
En cuarto lugar, o BNG esixe a creación dunha convocatoria pública anual en réxime de concorrencia competitiva en materia de compra de produtos audiovisuais, de producións e de coproducións de ficción. “Hoxe hai unha cantidade enorme de diñeiro público que se inxecta directamente no sector audiovisual galego que, non sabemos con que criterio, vai parar a tres ou catro produtoras, moitas delas amigas do Partido Popular”, criticou, reclamando “transparencia, obxectividade e claridade para un sector tan importante en termos económicos para o noso País”.
Na súa comparecencia ante os medios, a viceportavoz do BNG recalcou a crise reputacional que “afasta cada vez máis os medios de quen é a súa propietaria, a sociedade galega”, cun “pírrico” 8% de audiencia co que a TVG pechou o 2024, ao que hai que sumarlle a opinión extraída de enquisas contratadas pola propia TVG e que din que máis da metade da sociedade galega considera que a TVG non reflicte o pluralismo que existe no noso País.