BNG propón que as autorizacións eólicas estean vinculadas a plans industriais que garantan un retorno económico a Galiza

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas defende tamén a vinculación dos novos parques á fabricación no País dunha parte dos compoñentes e subministros

“Exportamos ouro nun contexto de récord histórico do prezo e no lugar de beneficiarnos, pechan empresas”, censura en alusión a Vestas e Gamesa

BNG propuxo no pleno do Parlamento galego unha batería de propostas para garantir o retorno económico dos beneficios xerados pola produción enerxética en Galiza dado o papel xerador que ten o País. Así, a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, defendeu a constitución dunha empresa pública galega de enerxía, o impulso de fórmulas de democratización da enerxía (singularmente comunidades enerxéticas, parques enerxéticos comunitarios e o autoconsumo enerxético), a reformulación do canon eólico (en canto non sexa substituído por novas fórmulas de participación pública) e o impulso de Plans de Desenvolvemento Industrial asociados ás novas instalacións eólicas e enerxéticas, de xeito que as autorizacións de novos parques eólicos se vinculen a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego no País e favorezan que unha parte dos compoñentes sexan fabricados en Galiza.

“Levan vostedes 12 anos gobernando, modificando nove veces a súa propia lei do sector eólico, aprobaron tres leis que presuntamente ían combater a deslocalización neste País e soamente no que levamos de 2021 marcha Siemens Gamesa para Portugal e pecha Vestas abrindo centros de produción e investigación e Portugal e a culpa é do BNG que trae propostas. Igual teñen que revisar un pouco o seu”, recriminou Presas ao grupo parlamentar do PP, logo de que este anunciase o seu rexeitamento á iniciativa nacionalista.

A deputada nacionalista afeou a posición de PP e PSdeG no debate enerxético ao lembrar que no anterior pleno parlamentar uniran os seus votos contra a tarifa eléctrica galega proposta polo BNG e neste “unidos para evitar falar da proposta clave desta iniciativa”. “Podemos vincular os proxectos eólicos que se van instalar en Galiza a plans industriais e a que unha parte das compoñentes sexan de fabricación galega, Si ou non?”, cuestionou para a continuación censurar que o PP anunciase o seu veto a iniciativa no seu conxunto e o Partido Socialista suprimise xusto este punto na súa emenda a una moción que será votada na sesión parlamentaria de mañá mércores coas distintas posicións xa aclaradas.

Durante a súa intervención, Presas recordou que o PP eliminou os instrumentos incorporados polo decreto eólico do goberno bipartito para facilitar que os seus beneficios revertan a todas e todos os galegos e criticou que o seu modelo “non contribúe ao retorno económico”. “Como é posíbel que no 2020 Galiza, segundo datos de REE e malia o impacto da práctica paralización das centrais térmicas de Meirama e As Pontes, exportase un 29,2% de enerxía eléctrica sen ningunha compensación?”, cuestionou con severidade, para a continuación concluír que “exportamos ouro nun contexto de récord histórico do prezo e no lugar de beneficiarnos, pechan empresas”.

De igual xeito reprobou a perda de máis de 300 empregos en pleno boom eólico e cun “desmantelamento absoluto”, en referencia ao peche de empresas como Siemens Gamesa ou Vestas. “Como é posíbel que Galiza sexa a segunda detrás de Castela e León que máis enerxía renovable xerou en 2020 batendo un récord histórico e no 2021 peche Siemens Gamesa e poida pechar Vestas”, incidiu.

Neste sentido, a portavoz nacionalista de Enerxía criticou con severidade o modelo éolico do PP, “ao servizo do lucro privado”, por paralizar o sector durante anos precipitando peches en todo o sector renovable e por mudar o modelo de participación pública por un modelo de “canon eólico inservible”, non só pola súa formulación, que xa acabou repercutindo na factura, senón porque non o modifican “para non molestar ás eléctricas”. Así, recordou que, ademais de por fin á obrigatoriedade de vincular as instalacións eólicas a plans industriais, na actualidade, os propietarios e propietarias reciben de media menos do 3% do total da facturación dos parques e os concellos arredor do 5% e que este modelo impulsa tamén un boom eólico desordenado e desvinculado do tecido innovador.

“A conclusión é que malia non ter xerado nunca tanta enerxía eólica e experimentar un boom coma este, destrúese emprego e deslocalízase emprego e isto é indecente nun país especializado na produción e hai que darlle a volta”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG