BNG propón protocolos de prevención e intervención para protexer as traballadoras do SAF e o PP veta a iniciativa
A portavoz de Política Social, Olalla Rodil, defendeu no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei cunha batería de medidas para protexer as traballadoras do Servizo de Atención no Fogar (SAF), blindar o servizo e garantir a seguridade xurídica tanto para os concellos como para as empresas que o prestan que foi rexeitada polo PP.
Entre elas, a incorporación de protocolos de prevención e intervención en casos de agresión, violencia machista ou discriminación no ámbito do SAF, o aumento das rateos do persoal técnico que realiza o servizo e o incremento do financiamento do SAF, que permita asegurar non só a seguridade das traballadoras no seu desempeño laboral, senón tamén unhas condicións de traballo dignas.
Rodil advertiu que o asasinato hai un mes de Teresa de Jesús González, traballadora do SAF no concello do Porriño, mentres realizaba o seu traballo puxo de manifesto “da maneira máis dura e cruel” o que as traballadoras do servizo levan denunciando dende hai anos, a total ausencia dunhas condicións dignas e seguras no seu ámbito profesional.
“Estas mulleres saen cada día da súa casa, no seu vehículo particular, para ir ao sen centro de traballo, que é a casa da xente, nunhas condicións marcadas por un convenio colectivo caducado desde o ano 2012, sen que a patronal se sente a negociar unhas condicións de traballo, primeiro axustadas á realidade do século XXI e do ano 2025, pero, sobre todo, que lles garanta condicións de seguridade e de saúde laboral, ademais duns salarios dignos”, denunciou.
A deputada nacionalista incidiu en que a Xunta, máxima responsable en materia de dereitos e servizos sociais e que ostenta a autoridade laboral no País, debe introducir os cambios legais necesarios para garantir as condicións laborais dignas e seguras dunhas traballadoras que “sosteñen co seu corpo un servizo público esencial”.
“O asasinato de Teresa foi un golpe durísimo, unha patada na boca do estómago, que debe facernos reaccionar como sociedade e que fai inaprazable o impulso de cambios legais, de cambios normativos, que garantan as súas condicións laborais”, subliñou para incidir en que “a primeira Administración que ten que implicarse e poñerse á fronte da situación é a Xunta”.
Rodil criticou ao Goberno do PP que derive aos concellos a xestión dun servizo vinculado á dependencia, sen practicamente recursos nin humanos, nin materiais nin económicos para garantir que a súa prestación se faga coa máxima calidade, pese a que ten a competencia exclusiva en materia de asistencia social e as funcións de coordinación, ordenación normativa, homologación, rexistro e control dos servizos sociais, incluído obviamente o SAF.
Nesta liña, recriminou aos populares que rexeitasen a proposta defendida neste sentido polo BNG no Parlamento xa en decembro de 2020 e na que se incluían precisamente tanto a elaboración de protocolos de prevención e de intervención en casos de agresión, violencia machista ou discriminación no ámbito do SAF, como a introdución de cambios normativos que permitisen adoptar suspensións temporais, parciais ou totais do servizo de darse algunha desta situacións.
“É imprescindible, érao daquela, no ano 2020, hoxe é urxente e inaprazable facer cambios normativos e introducir ferramentas como estes protocolos para garantirlles condicións de seguridade no traballo a estas mulleres que prestan un servizo público de atención sociosanitaria a persoas dependentes no noso país”, alegou para defender as cinco medidas concretas presentadas agora polo Bloque.
Medidas como a de crear, no marco das negociacións iniciadas coa Fegamp, unha mesa de traballo que inclúa tamén as representantes sociais das traballadoras do servizo co obxectivo de elaborar protocolos de prevención e intervención en casos de agresión no domicilio, violencia machista ou discriminación.
Unha proposta que contempla tamén as actuacións legais oportunas que permitan adoptar, con seguridade xurídica para as traballadoras, os concellos e as entidades prestadoras do SAF, medidas de suspensión temporal ou total do servizo en caso de agresión, violencia machista ou discriminación, entre outros.
En segundo lugar, o BNG reitera a urxencia de incrementar o financiamento do SAF para garantirlle os recursos que precisa, no inmediato cunha achega orzamentaria da Xunta ao financiamento do servizo até os 17 euros a hora con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2025 e, posteriormente, aumentar progresivamente esta contía até alcanzar os 20 euros a hora en 2027.
Ademais, Rodil avogou por introducir as mudanzas que sexan necesarias no método de cálculo do prezo/hora actualmente en vigor para que permita a cobertura dos custes laborais do persoal administrativo e do traballo social precisos para o funcionamento do servizo.
De igual xeito, defendeu a necesidade de modificar os rateos que fixan o persoal técnico mínimo exixible ás empresas prestadoras do servizo, reducindo o número de persoas usuarias por cada técnico ou técnico, co obxectivo de garantir unha mellor prestación do mesmo. E, por último, reclamou que a Xunta faga valer a súa posición en tanto que autoridade laboral e Administración responsable en materia de dereitos sociais na negociación do convenio colectivo do SAF para promover unhas condicións laborais e salariais dignas e seguras para as súas traballadoras.
“As mulleres traballadoras do SAF non precisan palabras baleiras, nin moito menos que a máxima responsable en materia de servizos sociais lles diga que o único que poden facer é denunciar, porque eu quero lembrar que Teresa puxo en coñecemento de todo o mundo o que estaba pasando”, criticou ao Executivo de Alfonso Rueda para evidenciar que son necesarias “ferramentas que dean seguridade xurídica a todas as partes para poder actuar e garantir a protección destas mulleres”.
“Non se pode dar palmadas nas costas ás traballadoras pregoando que son moi importantes e ao mesmo tempo mirar para outro lado mentres as explotan laboralmente”, engadiu para defender unha iniciativa debatida na tarde de onte, pero vetada polo PP na votación de hoxe, na mesma xornada en que as traballadoras do SAF e das residencias de maiores privadas se mobilizaban diante da Cámara por un convenio colectivo digno, caducado desde 2012, que garanta condicións de traballo dignas e seguras.