parlamento galego

BNG propón potenciar ás empresas galegas a través da contratación pública Xunta que só en 2024 supón 8.182 M€

Elabora unha lei para incluír cláusulas sociais, ambientais e de igualdade nos contratos de obras e servizos realizados pola Administración galega

Pontón destaca que, a través da súa contratación, a Xunta é responsable das condicións laborais de miles de traballadores e traballadoras

O BNG presentará unha proposición de lei no Parlamento para potenciar o tecido económico galego e incorporar cláusulas sociais, ambientais e de igualdade na contratación pública da Xunta que acapara o 55% do orzamento de 2024, nada menos que un total de 8.182 millóns de euros.

Así o anunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, logo da xuntanza do goberno alternativo do Bloque na que abordou o sistema de contratación pública ao que, dado o seu volume económico, se referiu como unha “ferramenta moi potente” que pode ser utilizada para protexer ás PEMES, impulsar o tecido produtivo ou incidir “de maneira directa e clara” en cuestións tan relevantes como os dereitos laborais e sociais, a igualdade ou a conservación do medio ambiente.

Neste sentido, a proposición de lei que o BNG impulsará na Cámara, logo de sometela previamente a exposición pública a través dunha posta en común cos distintos axentes sociais e económicos, incorpora cláusulas sociais na contratación da Administración galega para facela máis xusta en materia laboral, ambiental e de igualdade e tamén co obxectivo de potenciar o tecido económico do País, prestando especial atención á pequena e mediana empresa, cooperativas e empresas de economía social.

“Temos moi claro que a través da contratación de obra, da compra de bens e servizos, e do financiamento a través de subvención e axudas as entidades públicas son unha ferramenta estratéxica na promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, na normalización da lingua galega e un instrumento de transformación cara a modelos de produción e consumo responsables e ambientalmente sustentables”, afondou Pontón.

Por iso, a proposta lexislativa do BNG inclúe cláusulas de igualdade para incorporar a perspectiva de xénero nos procesos de contratación, fixando condicións de execución relacionadas coa empregabilidade das mulleres, formación en materia de igualdade, elaboración de protocolos de prevención do acoso sexual ou a adopción de medidas de conciliación e fomento da corresponsabilidade.

Así mesmo, recolle cláusulas referidas aos dereitos laborais das traballadoras e traballadores, con pregos de contratación que requiran “o cumprimento da normativa laboral, a reserva dunha cota mínima de postos de traballo para persoas con discapacidade ou a subrogación do persoal ou, no caso da contratación con terceiros, a obriga igualmente ao cumprimento das condicións laborais”, exemplificou a líder nacionalista.

A proposta de lei tamén propón cláusulas de inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade, segundo a Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade, así como criterios de accesibilidade universal, e cláusulas de dereitos lingüísticos que garantan o uso normal e oficial do idioma galego, tal e como dispón tanto o Estatuto de Autonomía como a Lei de Normalización lingüística.

O outro gran obxectivo que persigue o BNG con esta lei é potenciar o tecido económico do País a través da compra e a da contratación públicas, apostando polas pequenas e medianas empresas con capacidade innovadora e de xeración de emprego estable.

Regulación máis garantista e social

“Trátase de acabar co monopolio das grandes construtoras e subministradoras de servizos con sede en Madrid, que acaparan a obra pública e a prestación de servizos en Galiza e, ao tempo, garantir o pleno respecto polos dereitos laborais”, explicou Pontón, quen recordou que a Xunta é responsable a través da contratación pública “das condicións laborais de milleiros de traballadoras e traballadores”.

Neste contexto, defendeu o avance que suporía a nova normal cara “unha lexislación máis garantista e máis responsable socialmente” dado que “non é indiferente en que condicións se producen estas contratacións e compras de bens e servizos”, entre as que citou a adquisición de material sanitario ou alimentos para nutrir os comedores de hospitais, residencias de maiores ou centros educativos públicos, a contratación de obra pública ou a licitación de servizos como a limpeza de edificios administrativos.

Por iso, o BNG pretende con esta proposición de lei avanzar na actuación dunha Administración pública “realmente comprometida coa igualdade e involucrar a todos os operadores económicos na necesaria corresponsabilidade social, introduciondo cláusulas sociais en contratos, subvencións e convenios públicos”, concluíu a líder nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG