BNG propón no Parlamento unha condena ao asalto israelí á flotilla humanitaria Global Sumud
O Grupo Parlamentario do BNG presentou no Parlamento unha declaración institucional de condena ao ataque militar israelí perpetrado contra a Global Sumud Flotilla en augas de libre navegación dentro da zona SAR de Chipre, o que supón unha violación do dereito marítimo internacional, a liberdade de navegación en alto mar e a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar.
O texto, que o BNG pon a consideración do resto dos grupos da Cámara, expresa tamén o apoio e a solidariedade coas persoas embarcadas nesta misión humanitaria, de maneira especial coas seis cidadás e cidadáns galegos que forman parte da tripulación: Alberte Pagán Vázquez, Ana Fuentes Rey, Andrea Morales Ramos, Benito González Rodríguez, Duarte Ferrín Iglesias e Xurxo Porritt Lueiro.
Neste senso, a declaración institucional insta a Xunta de Galiza, o goberno do Estado e as autoridades europeas a actuar de maneira urxente fronte a este ataque e a garantir a protección e seguridade da tripulación da flotilla, impulsando medidas diplomáticas e políticas ao máis alto nivel. O BNG lembra que esta nova agresión se suma a anteriores asaltos ilegais do exército israelí contra misións humanitarias que denuncian o xenocidio contra o pobo palestino e o bloqueo á Fanxa de Gaza.
A iniciativa subliña que, só desde outubro de 2023, Israel asasinou directamente máis de 70.000 persoas, ademais das mortes provocadas polo uso da fame como arma de guerra e pola ampliación da ocupación dos territorios palestinos. O texto, presentado coincidindo coa conmemoración do Día da Nakba (15 de maio), reitera o compromiso do Parlamento de Galiza coa paz, a soberanía dos pobos e o respecto ao dereito internacional, e condena o xenocidio que o estado de Israel está a cometer contra o pobo palestino.
Coincidindo coa moción ante a escalada belicista e militarista presentada polo deputado do BNG, Iago Suárez, aproveitou a súa intervención na Cámara para vincular esta defensa da paz coa homenaxe á escritora Begoña Caamaño, este ano dedicataria do Día das Letras Galegas. Tal e como lembrou o parlamentario nacionalista, o pasado domingo Galiza celebrou un 17 de maio "cunha manifestación masiva que encheu as rúas da capital de dignidade e de reivindicación en favor da lingua galega", e adicoulle a xornada a Begoña Caamaño, "unha militante da lingua pero tamén unha destacadísima militante do antimilitarismo, contra as políticas belicistas e pola soberanía dos pobos".
Na súa intervención, Iago Suárez defendeu que "estar pola paz tense que demostrar", e concretou medidas como deter as axudas públicas á industria militar, frear o enaltecemento do militarismo nos centros de ensino, paralizar a militarización do aeroporto de Santiago e da Escola Naval de Marín, e declarar a neutralidade internacional para Galiza. Tamén alertou sobre a ameaza da reinstauración do servizo militar obrigatorio en varios países da UE e lembrou a existencia da lei 36/2015, que permite ao goberno español mobilizar a toda persoa maior de idade en situación de crise bélica. "Ante isto, a mocidade galega dille ao bipartidismo que, se tanto lles gustan as guerras, as vaian combater eles", sentenciou Suárez, quen rematou afirmando que "o BNG estará sempre do lado correcto: a riqueza do territorio galego debe ser posta a disposición do pobo galego para avanzarmos como país".