PARLAMENTO GALEGO

BNG propón un novo modelo de coidados que prime a atención domiciliaria e as residencias pequenas fronte aos macrocentro

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil avoga por un sistema integral que manteña ás persoas nos seus fogares todo o posible e non se reduza só a unha vertente institucionalizada
BNG propón un novo modelo de coidados que prime a atención domiciliaria e as residencias pequenas fronte aos macrocentro

O BNG propón un novo modelo de coidados que entenda e poña no centro os dereitos das persoas a unha vellez digna e no que se dea prioridade aos coidados de proximidade, á atención domiciliaria -para que as persoas maiores permanezan no seu fogar o maior tempo posible- e no que se inclúa un sistema residencial público que prime as residencias pequenas fronte aos grandes macrocentros.

Así o avanzou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, na comisión de reactivación pola crise da COVID do Parlamento galego, ao fío das intervencións da representante de TREGA (Traballadorxs de Residencias de Galicia), do presidente de REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia) e do director xeral de Atención Integral Sociosanitaria da Xunta.

Rodil defendeu a necesidade de consensuar un punto de inflexión a partir da pandemia -da que recalcou “fixo visible o invisible, as carencias, deficiencias e problemas cos que xa contaba o sistema galego de coidados e concretamente a atención ás persoas maiores”- e camiñar cara un modelo asistencial “completamente diferente”. “Un sistema de coidados integral que non se vexa reducido só á parte máis institucionalizada, senón que se adapte á realidade demográfica do país”, subliñou, para recalcar a continuación a conveniencia de “ir facilitando máis e mellores coidados de proximidade, de atención domiciliaria e contribuír a que a xente poida permanecer nas súas casas o maior tempo posible”.

No referido concretamente ás residencias, propuxo que o novo modelo inclúa a definición dun sistema residencial, en primeiro lugar, público, para acabar “coa distorsión de que o 80% das prazas estean en mans privadas, coas consecuencias que xa se están vendo” e, en segundo lugar, próximo, con centros máis pequenos e cunha atención máis directa e personalizada que permita abandonar a fórmula de macrocentro que se está asentando en Galiza e que está asociada maioritariamente a grupos empresariais “que fan negocio cun dereito fundamental como é o da vellez”.

Neste sentido, tamén se referiu ao anuncio do Executivo galego para crear sete grandes residencias nas sete cidades galegas, que serán financiadas pola Fundación Amancio Ortega e nas que se prevé entre 100 e 120 prazas en cada unha delas. “Logo da lección que nos deixan a primeira e a segunda onda da pandemia, a Xunta non valora se este é o mellor modelo para este país?”, cuestionou, para a continuación deixar clara a posición do Bloque: “nós pensamos que non”.

A viceportavoz nacionalista tamén considerou preciso que as residencias estean moito máis inxeridas na propia comunidade, optando non por “hospitalizalas”, senón por conectalas á súa contorna e especialmente ao sistema sanitario xeral para non “seguir illando ás persoas maiores da súa propia realidade”.

Por último, e ante as reiteradas manifestacións do Goberno do PP neste sentido, pediu á Xunta que concrete o modelo residencial no que está a traballar e concrete o seu horizonte temporal e a dotación orzamentaria coa que ten pensado implantalo.

 

BNG propón un novo modelo de coidados que prime a atención domiciliaria e as residencias pequenas fronte aos macrocentro