BNG propón negociar co Estado a transferencia a Galiza das competencias dos aeroportos de Santiago, Vigo e A Coruña

Olalla Rodil

Rodil acusa ao Goberno do PP de non facer nada e deixar que o debate aeroportuario se converta “nunha especie de xogos de fame entre cidades”  

Pontón preguntará a Rueda polas súas políticas para mellorar a vida das persoas traballadoras, tras anunciar trabas ao dereito ás baixas laborais 

O BNG defenderá no próximo Pleno do Parlamento unha proposición de lei para reclamar ao Estado a transferencia a Galiza das competencias en materia de aeroportos de interese xeral do Estado. “Se queremos decidir, se queremos ter algo que dicir como País sobre a planificación presente e futura nos aeroportos de Lavacolla, Peinador e Alvedro, o primeiro que precisamos son as competencias”, argumentou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta de Portavoces.

Rodil subliñou a oportunidade da iniciativa nacionalista neste momento, no que a xestión do mapa aeroportuario galego está no foco da actualidade sen que o Goberno do PP faga nada máis que deixar que o debate “se converta nunha especie de xogos da fame entre cidades”.

“En lugar de termos un Goberno que defenda os aeroportos galegos, con visión de País, para impulsar Galiza económica e socialmente, temos un Goberno que non fai absolutamente nada máis que deixar que cada un faga o que poida e que cada cidade decida por si mesma desde unha visión local”, censurou a deputada.

É por iso que o goberno alternativo do BNG defende iniciar as negociacións co Estado sobre esta materia, tal e como vén de facer o lehendakari vasco, Imanol Pradales, que xa acordou con Pedro Sánchez dar pasos cara a cogobernanza aeroportuaria.

A proposta nacionalista enmárcase na “Galiza en grande” que persegue o Bloque, que Rodil contrapuxo á “Galiza empequenecida” dun Rueda que lle ten posto “o freo de man” ao País e que deixa en evidencia a súa incapacidade de xestión ao renunciar a exercer máis competencias porque, tal e como el mesmo recoñeceu, “só piden as que son capaces de xestionar mellor que o Goperno de España”. Tirando de ironía, a deputada lembrou que en 17 anos o PP na Xunta só conseguiu as competencias do litoral. 

Xunto as competencias aeroportuarias, as políticas do Goberno de Rueda para mellorar a vida das traballadoras e traballadores galegos será outros dos temas principais na axenda do BNG para o vindeiro Pleno. Esta será a cuestión que a portavoz nacional, Ana Pontón, levará na quenda de preguntas ao presidente, despois que este anunciase no Debate do Estado da Nación que “fará todo o posible para dificultar o dereito a unha baixa laboral”, lembrou Rodil. 

A deputada do BNG criticou que Rueda fundamente “a  súa gran proposta” en  “mentiras”, pois segundo datos da Airef e da Asociación de Mutas, Galiza é a segunda comunidade do Estado con menos baixas laborais. “O problema que hai en Galiza é un colapso da sanidade pública que fai que teñamos que agardar meses, cando non anos, por probas diagnósticas ou por citas médicas, provocando isto que sexamos das CCAA onde máis se prolongan esas baixas”, subliñou, emprazando o titular da Xuntar a dotar de máis recursos o Sergas na vez de tratar de “vagas e maleantes” ás persoas traballadoras. 

Demora nas axudas ao sector do marisqueo

O Grupo do BNG reclamou na Xunta de Portavoces a comparecencia da conselleira do Mar para abordar a “peor crise do século” que se está a vivir no sector marisqueiro, que vén arrastrando unha profunda crise desde hai anos, cunha caída de produtividade e das vendas en lonxa “brutal”, agravada agora polos temporais e as consecuencias da apertura dos encoros.

Como o PP vetou a comparecencia, o Bloque levará esta cuestión en forma de interpelación á conselleira, á que lle pedirá explicacións sobre a demora na publicación do plan de investimentos de 22,7 millóns de euros anunciado hai case un mes e que aínda non foi concretado no DOG.

“O mínimo é que a maior responsable política na materia veña ao Parlamento a dar a cara e a dar algún tipo de explicación de por que non se arbitrou aínda hoxe ningún tipo de axuda directa” para  as traballadoras do marisqueo que  “seguen pagando todos os meses as cotas de autónomas sen ingresar absolutamente nada”, subliñou Rodil.

Iniciativa popular para reclamar profesorado especialista

O Bloque levará tamén ao Pleno da semana que vén unha PNL de iniciativa popular, que asume como propia, para defender os dereitos do conxunto do alumnado de Galiza, demandando á Xunta a dotación de persoal especializado para garantir os dereitos do estudantado con necesidades educativas especiais. Trátase dunha iniciativa promovida desde Vigo por Foanpas que chega ao Parlamento avalada por milleiros de sinaturas. 

“Imos traer á voz ao Parlamento a voz de todas esas familias, de todas esas nenas e nenos, de Vigo e do conxunto de Galiza”, salientou Rodil tras referirse á nai que iniciou estes días unha folga de fame como exemplo da “desesperación” de milleiros de familias que ven como os seus fillos e fillas non reciben a atención que precisan.