Parlamento Galego

BNG propón un modelo fiscal máis xusto fronte a un PP que beneficia a quen máis ten e discrimina as clases traballadoras

Noa Presas

Noa Presas defende a mobilización de 2.241M€, con 60 propostas que teñen o gran obxectivo de salvar os servizos públicos da demolición do PP

250 M€ para Atención Primaria, 84 máis para Política Social, 137 máis no ensino ou o 1% para loitar contra a violencia machista, entre as medidas

O PP veta as propostas de mínimos de suba das pensións non contributivas, aumento a 20€/hora do SAF e a contratación de 100 psicólogos en Primaria

A portavoz de Facenda do BNG debullou algunhas das 60 medidas alternativas aos orzamentos do PP, para as que propón a mobilización de 2.241 millóns de euros, e defendeu un modelo fiscal máis xusto fronte un PP que beneficia a quen máis ten e discrimina as clases traballadoras.

“Trátase de propostas de calado que supoñen un cambio de rumbo para levar Galiza a bo porto, cara un futuro de cohesión social, o desenvolvemento baseado na innovación e no valor engadido, a resposta á crise climática ou cara a ampliación de dereitos”, subliñou. Propostas que foron rexeitadas polo PP, incluídas as de mínimos, que pedían o aumento nos vindeiros 2 anos a 20 euros a hora do Servizo de Axuda no Fogar, destinar 16 millóns a duplicar as pensións non contributivas, conxeladas nestes orzamentos , e a contratación de 100 psicólogos na Atención Primaria.

Os 2.241 millóns de euros que propón mobilizar o BNG saen, en primeiro lugar,  de reorientar as prioridades de gasto, con recursos que ían ir á privada, convenios a dedo ou gastos en publicidade, pasando a financiar medidas como recuperar a gratuidade dos libros de texto, que o PP eliminou hai 17 anos e que agora converteu nun “espellismo” a través das rebaixas do IRPF que quere compensar cun parche”, afeou.

A segunda ferramenta é a do impulso dunha reforma fiscal baseada na xustiza social: “É ben sinxelo, que pague máis quen máis ten para así financiar dereitos”, explicou Presas, recordando que, co modelo fiscal do PP, os 8 mil galegos máis ricos aforraron case 6.000 euros nun ano, mentres que aos galegos que cobran por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) tan só lle quedaron no peto menos de 50€.  

“Con que os máis ricos só tivesen pagado un terzo dos 6.000 euros en impostos, habería 17 millóns de euros para financiar a ampliación dos comedores escolares, impulsar a cobertura bucodental ou poñer en marcha un plan contra a pobreza infantil e de inclusión social dos colectivos máis vulnerables”, exemplificou.

A alternativa  do BNG en política fiscal pasa por incorporar medidas para dotar de progresividade o IRPF ou os Impostos de Patrimonio e de Sucesións e Doazóns. Tamén, polo desenvolvemento de tributos propios para gravar as grandes superficies comerciais, as vivendas baleiras, os danos medioambientais ou a reforma do canon eólico, para incrementar así en 342 M€ a capacidade de gasto.

Presas recalcou que, coa política fiscal do PP, Galiza  deixou de ingresar máis de 3.000 millóns de euros só entre o 2018 e o 2024 e que, só coa metade, tería compensado o recorte de 1.600 M€ que aplicaron en Atención Primaria desde que gobernan, calculou.

Rescatar uns servizos públicos colapsados

Dentro das 60 propostas “vitais” para Galiza están as destinadas a recatar uns servizos públicos colapsados. No ámbito sanitario, o BNG propón por exemplo  abordar a crise de Atención Primaria con 250 M€ para un novo modelo que incorpore novas categorías profesionais (psicoloxía clínica, terapeutas ocupacionais ou logopedas), incidindo na saúde mental, e un plan de recursos humanos coa mellora das condicións económicas e laborais. O Bloque quere destinar tamén 130 M€ para un plan de continxencia das listas de agarda, que—subliñou Presas— aínda non recuperaron os niveis da pandemia.

Logo de transcender “exemplos vergoñentos” da deixadez de funcións da Xunta na atención aos maiores nas residencias, o BNG presentou emendas tamén para incrementar o orzamento de Política Social, “que cae a cachos”, en 84 M€  e impulsar medidas como o Plan Galiza Coida que poñan fin  a un modelo que nos deixa imaxes de horror, como o acontecido en Amoeiro ou, máis recentemente, en Monforte.

Insistiu a deputada en investir 15 M€ máis para a ampliación do financiamento do SAF a 20 € a hora en dous anos, e destinar 1 de cada 100 euros para a loita contra a violencia machista, despois de que o PP recortase este ano o orzamento nesta materia e se dedicase a privatizar servizos como os Centros de Información da Muller (CIM) e os centros de crise contra a violencia sexual.

Máis apoio á universidade pública e ao alumnado con NEAE

No ensino, a deputada defendeu un aumento de 137 M€ para poñer solucións a unha “situación límite” que levou o profesorado a unhas xornadas de folga inéditas en 40 anos.  Fronte a un PP que “alenta a privatización do sistema universitario”, o BNG propón reforzar con 50 M€ máis a Universidade pública galega. “Entre Abanca e o ensino público, nós temos claro con quen imos”, proclamou Presas.

Así mesmo, fronte a un PP que abandona o alumnado con necesidades de apoio educativo,  o BNG reclamou sumar un plan con 10 millóns de euros para poder atendelos debidamente, e outros 10 M€ para contratar máis profesorado e recuperar os seus dereitos previos á crise da covid.

Cambio de rumbo para levar Galiza a bo porto

O BNG propón 110 M€ adicionais para que a Xunta desenvolva un programa intensivo de compra de vivenda co obxectivo de chegar ás 4.000 en cinco anos, mobilizando vivenda baleira, (só nas cidades galegas hai máis de 90.000). Tamén para impulsar un novo modelo de vivenda protexida, fronte aos minipisos e baixos comerciais “nos que ninguén quere vivir” que propón o PP.

A deputada incidiu no cambio de rumbo “para levar Galiza a bo porto” tamén nas políticas destinadas a evitar a vaga de lumes que padeceu Galiza este verán, para o que propón 50 M€ para o impulso do plan “Da Cinza á Vida”, xunto con medidas para a remuda xeracional e a dinamización gandeira e agroecolóxica, ou a creación do Fondo Clima e Natureza e a Estratexia Galega da Auga para combater a crise climática.

O BNG aposta ademais pola rexeneración e a innovación no sector do mar, co Plan Remuda e o Proxecto INVESrías.

Finalmente, Noa Presas defendeu unha batería de emendas por valor de máis de 570 que o BNG incorpora para poñer Galiza a producir con base na ciencia e na tecnoloxía. Para iso, propón o Pacto galego pola Ciencia, dotado con 250 M€ para impulsar o I+D+i, a creación dunha empresa pública de enerxía ou a creación dun fondo soberano para unha Galiza innovadora que permita mobilizar 1.200 millóns de euros ata 2032.

O PP rexeitou todas as emendas do BNG.