parlamento galego

BNG propón medidas específicas para familias monoparentais afectadas por COVID que non poidan coidar de persoas a cargo

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil critica o veto do PP á iniciativa e advirte de que o “inxusto é ter que contaxiar ao teu fillo para poder coidalo”, en alusión ao caso de Narón  

BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta articule medidas específicas para as familias monoparentais que, en caso de contaxio ou corentena por COVID, non poidan coidar das persoas ao seu cargo e prevea recursos específicos naqueles supostos no que se vexan afectadas persoas dependentes ou con discapacidade.

A viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, defendeu unha iniciativa que pon o foco sobre a desigualdade coa que a crise sanitaria golpea os fogares galegos, cun impacto maior sobre as familias monoparentais que na súa inmensa maioría (máis do 80%) están conformadas por mulleres. Neste sentido, alertou sobre as dificultades ou mesmo imposibilidade de conciliación, máis no actual contexto de pandemia onde as restricións á mobilidade impiden acudir ás redes de apoio familiar ou de amizade.

Rodil referiuse aos casos que están emerxendo con esta problemática e exemplificou no de Montse Fraga, unha veciña de Narón que denunciou publicamente a situación na que se atopou despois de dar positivo por coronavirus: logo de que a empresa que cubría a atención ao fillo dependente non substituíra á traballadora habitual, tívose que facer cargo directamente dos coidados, polo que o seu fillo tamén acabou contaxiado.  

A deputada nacionalista reclamou ao Executivo galego medidas que garantan os dereitos tanto das familias monoparentais como das persoas dependentes ou con discapacidade ao seu cargo e, ante a negativa do PP a secundar a proposición non de lei, reprochoulle que utilizase como argumento que esta solución puidera provocar “situacións inxustas” en relación a outras tipoloxías de fogar.

“A razón do problema é precisamente a natureza do fogar; non se poden artellar medidas homoxéneas como vostedes pretenden”, argumentou para a continuación recalcar que “o inxusto é ter que contaxiar o teu fillo porque é a única maneira que tes de coidalo”.

Así mesmo, criticou ao grupo popular por seguir eludindo as súas responsabilidades baixo o debate dos marcos competenciais e recordou que xa pasaron cinco meses do primeiro acordo de conciliación. “Canto tempo lle parece ao PP que pode usar aos galegos e galegas e a este país como arma arreboladiza contra o Goberno español?”, reprobou para concluír a súa réplica final.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG