BNG propón unha lei para poñerlle coto á barra libre de pisos turísticos sen licencia municipal no rexistro da Xunta
Saleta Chao sinala o Goberno galego como responsable da proliferación das VUT, dificultando aínda máis o acceso á vivenda pola suba dos prezos
A proposición de lei recolle a declaración de zonas de mercado tensionado e prevé un estudo de concentración de VUT en todo o territorio galego
O BNG vén de rexistrar unha proposición de lei para modificar a Lei de Turismo de Galiza co fin de regular as Vivendas de Uso Turístico (VUT) e “poñerlle coto á barra libre” de pisos sen licencia municipal que a días de hoxe se inscriben no Rexistro de Empresas de Actividade Turística (REAT) da Xunta.
A deputada Salecha Chao sinala como responsable da proliferación descontrolada destes inmobles ao Goberno galego porque, a día de hoxe, “segue sen comprobar que as vivendas de uso turístico que se dan de alta no REAT cumpran co preceptivo título habilitante municipal”. É por iso asegura que o Bloque segue traballando no impulso de propostas que “blinden o dereito a vivenda” da sociedade galega e que nos permitan facerlle fronte á crise habitacional que atravesa o noso País. “É necesario regular as VUT para garantir o acceso e dereito á vivenda, da cidadanía, da xente moza e das persoas vulnerables do noso País”, afirma.
A modificación da lei que propón o BNG xira arredor de tres eixos. O primeiro ten como obxectivo frear a “descontrolada” utilización do parque residencial no noso País, exixindo a licenza urbanística previa para todas as vivendas de uso turístico, independentemente do lugar onde se sitúen. Dita licenza terá unha duración de cinco anos, prorrogable por outros cinco. Ademais, fixarase a baixa automática do REAT de todas as VUT inscritas en contra do plan urbanístico municipal vixente.
En segundo lugar, o Bloque incorpora nesa proposta de modificación da Lei de Turismo, a proposta de que a Xunta de Galiza teña que realizar un estudo de municipios de alta concentración de vivendas de uso turístico para determinar cal é o nivel de tensionamento neses concellos entre as vivendas de uso turístico e as vivendas que se destinan ao alugueiro regular. O Estudo debe recoller un mapa detallado por zonas, a análise do perfil das persoas propietarias e xestoras—con especial atención aos fondos de investimento— así como a avaliación do impacto sobre o dereito á vivenda, especialmente para a poboación en situación de vulnerabilidade.
Como terceira proposta o Bloque reclama a modificación da Lei de Vivenda de Galiza para que a Xunta teña a facultade de iniciar de oficio a declaración de zonas residenciais de mercado tensionado cos datos que xa están en poder do Instituto Galego de Vivenda e Solo, para “darlle a volta o que vén sendo a tendencia dos últimos na que a Xunta de Rueda sitúa a responsabilidade nos concellos”, indica.
Tal e como afirma a deputada nacionalista, son propostas dirixidas a atallar algúns dos problemas estruturais que ten Galiza en materia de vivenda para garantir o dereito ao acceso á mesma toda a cidadanía galega nun contexto de crise que deixa moitísimas persoas fóra e onde a vivenda se converteu xa na primeira causa de desigualdade e exclusión social no País.
Desde 2017, o rexistro de VUT da Xunta pasou de 500 a case 28.000 unidades, cunha concentración moi marcada nos centros urbanos, no litoral e en enclaves como o Camiño de Santiago ou a Ribeira Sacra. O BNG considera este aumento desmesurado e propiciado pola permisividade da normativa vixente, que está a agravar a situación habitacional dunha poboación na que o 26% dos fogares presenta algún indicador de exclusión residencial.