BNG propón facer unha reflexión profunda como País para ir cara un modelo forestal e un rural vivo que poñan freo os lumes

Ariadna Fernández

Ariadna Fernández: “Os medios de extinción nunca van ser suficientes sen máis prevención, un monte ordenado e unha xestión forestal adecuada”

Transmite a solidariedade do Bloque ás persoas afectadas polos incendios e ao persoal que traballa arreo para evitar que a situación sexa aínda peor

O BNG empraza o Goberno do PP e a todas as forzas políticas no Parlamento galego a facer “unha reflexión profunda” como País para “cambiar o rumbo” e evitar situacións tan tráxicas como a que estes días se están vivindo, sobre todo nas comarcas ourensás, a consecuencia dos incendios forestais. Unha reflexión para avanzar cara unha xestión forestal adecuada, un monte ordenado e un rural vivo e produtivo cos que poñer freo á proliferación e os efectos dos incendios forestais.

A proposta formulouna esta mañá a deputada nacionalista Ariadna Fernández nunha rolda de prensa que comezou transmitindo a “especial preocupación” do BNG ante a “emerxencia” provocada polos incendios,  así como o “máximo apoio e solidariedade” tanto coas persoas afectadas polos lumes como co persoal que estes días traballa arreo para evitar que a situación “sexa aínda peor”, tendo en conta a gravidade dos danos persoais, medioambientais e socioeconómicos que se están causando as lapas.

“A prioridade neste momento é que a traxedia remate, e temos que facelo de maneira conxunta, unidos”, expresou Fernández, destacando neste punto a “actitude de máxima colaboración” do BNG para facer fronte á vaga de lumes. Mais cando esta remate, asegurou, será o momento de facer unha “análise profunda” sobre a proliferación de grandes incendios, analizando “que está ocorrendo agora no monte galego para intentar cambiar o rumbo”. “Doutra maneira —engadiu— o que está a suceder en Chandrexa de Queixa, en Maceda, o que se viviu en Vilariño de Conxo, en Trives, na Fonsagrada ou en Dozón non valerá de nada”.

A deputada do BNG destacou, neste punto, que sendo evidente a influencia do cambio climático e as condicións meteorolóxicas na propagación dos incendios, tamén o é que “o despoboamento do rural, que non haxa actividade agrogandeira e que a única actividade forestal que se promova sexa o monocultivo de pirófitas mal xestionadas, unido a unha biomasa descontrolada, fan que  teñamos quilómetros e quilómetros de combustible continuo”.

 “Ou revitalizamos o rural con empresas ligadas ao territorio e que o respecten ou estaremos abocados ao que está sucedendo agora mesmo”, destacou Fernández, fronte á política do PP,  avogou por unha nova estratexia pensada para o rural de hoxe en día, “non para o de hai trinta ou corenta anos”. É necesario, explicou, ter un “rural vivo” e incidir moito máis do que o fai o Pladiga na prevención a través do uso racional do monte, promovendo a súa multifuncionalidade, “o que non implica que sexa menos rendible”.

A deputada nacionalista emprazou o Goberno do PP a “aprender” dos incendios ocorridos en Portugal no 2017, onde houbo máis de 60 mortos e 200 feridos,  para evitar que no noso País se dean situacións similares. “Agora mesmo vivimos xa unha situación de colapso”, advertiu, polo que incidiu en “repensar e reformular” o modelo forestal que promove o Goberno de Rueda. “Se non o facemos, seguiremos vendo como os erros se repiten ano tras ano, vendo como Galiza arde ano tras anos”, concluíu.