BNG propón estender a toda Galiza o modelo REVITALIZA e crear 3.000 postos de traballo no ámbito da economía circular

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará criticou a falta de estratexia da Xunta na xestión de biorresiduos e advertiu que si o goberno non muda o modelo, Galiza non alcanzará o obxectivo do 55% en reciclaxe no ano 2025

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará afeou á Xunta a inexistencia de políticas de xestión de residuos e non implicarse nos plans de económica circular e na  bioeconomía. Nestes sentido, propuxo “estender a toda Galiza o modelo Revitaliza” e crear tres mil postos de traballo.

Na formulación da pregunta ao goberno sobre as previsións para o desenvolvemento e construción de infraestruturas de xestión dos biorresiduos, o nacionalista  criticou que a Xunta mudara o Plan de residuos de Galiza no ano 2016 que xa establecía a previsión de separar e recoller os biorresiduos e o obxectivo do 50% de reciclaxe para o ano 2020 pero vostedes, recalcou “non se deron por enterados”.

Por outra parte, volveu a reclamar a avaliación do ano 2021 e 2022 e a estratexia de biorresiduos por que “non temos nin o primeiro papel”, e a única referencia é un informe presentado na Xunta pero que nunca chegou aos grupos parlamentarios. Este informe, explicou, “non está accesible” e como deputado, “teño o dereito a información solicitada”.

Tras a intervención da Directora xeral de  Calidade Ambiental, Sagrario Pérez Castellanos, o parlamentario asegurou que a Xunta só conta “cunha rede de infraestruturas, pero non cun plan ou estratexia”. Existen plantas de compostaxe pero agardamos que non xestionen os biorresiduos da “maneira desastrosa” como  o está a facer a de Areosa, que tras dous anos de funcionamento foi incapaz de producir compost.

 Ante a ausencia de estratexia da Xunta, o deputado propuxo , o Plan Revitaliza como alternativa de proximidade e pensada “para este país”, adaptada ás características da poboación, “tratamento de KM0” que é a mellor solución para os residuos fronte a recollida e traslado a moitos quilómetros de distancia que poden ser tratados  na propia casa ou a pouca distancia. A Xunta, engadiu, nin sequera se preocupou de informarse coa Deputación de Pontevedra para constatar si este modelo podería ser complementado e estendido a toda Galiza.

Neste sentido, aludiu aos datos da planta de Verín coa previsión de residuos de 24 concellos da súa área de influencia con dous concellos de máis de 5.000 habitantes e o resto  entre os 900 e 1.500 e preguntou se é “razoable” recoller o lixo dos pequenos núcleos de poboación para trasladalo posteriormente a máis de 50 KM para o seu tratamento cando o máis  lóxico sería tratalos alí. Fronte este modelo, dende o BNG avogamos polo Plan REVITALIZA nos concellos da provincia de Pontevedra, algúns mesmo gobernados polo Partido popular, co tratamento de residuos in situ en con cifras de case o 40% cando en Galiza estamos no 18%.

O parlamentario instou ao goberno a non seguir a máxima de “ordeno e mando” e abrir un diálogo e participación así como a análise das diferentes alternativas para conformar unha nova planificación e estratexia. “Urxe fomentar o tratamento de proximidade  da materia orgánica e o agrocompostaxe como solución contra o cambio climático”.

Finalmente, o deputado volveu a reclamar a documentación solicitada e sometela a un proceso de información e participación pública, colaborar cos concellos nas ordenanzas, formar a mestres composteiros, desenvolver un “plan para crear 3.000 postos de traballo” nas diferentes vertentes da economía circular e estender a toda Galiza os modelos “Revitaliza e o Programa Re de Allariz”. Bará fixo referencia ás declaracións de Joan Marc Simon, coordinador do traballo Zero Waste Europa colocando o modelo REVITALIZA “na Superpolítica europea do Pacto verde”. Dende o BNG consideramos que esta “superpolítica” é “pensar Galiza en grande fronte á Galiza en pequeno do PP”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG