BNG propón darlle a Galiza a chave dos seus cartos cun concerto económico para xestionar o 100% dos seus recursos

Ana Pontón

Pontón: “Galiza non estivo representada no CPFF porque Rueda non ten unha posición de País, senón partidista”

Considera inaceptable a proposta do Goberno central que o BNG non vai apoiar porque, lonxe de reducila, aumenta a discriminación das galegas e dos galegos

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a posición “moi clara” do BNG en materia de financiamento, que pasa por “darlle a Galiza a chave dos seus cartos” a través dun concerto económico como xa teñen vascos e navarros que lle permita “xestionar o 100%” dos seus recursos.

Pontón avogou por que o País xestione a totalidade dos recursos para “decidir desde aquí” as prioridades de investimento, axustando despois contas co Estado para abonar os servizos que este presta en Galiza. Un modelo, afondou en rolda de prensa, que tamén permitiría ter “unha Facenda con capacidade plena de xestión, recadación, inspección e sanción”.

Fronte ao Goberno de Alfonso Rueda “do café para todos que só trouxo desigualdade”, o Bloque propón abrir unha negociación bilateral co Goberno estatal para conseguir un “financiamento xusto e adaptado” ás necesidades do País.

“O que non se entende é como un presidente da Xunta renuncia a negociar bilateralmente para mellorar o financiamento de Galiza”, criticou ao titular do Executivo, a quen acusou de “estar abdicando das súas responsabilidades".

A líder nacionalista confrontou así a posición do BNG en defensa dos galegos e das galegas coa dun Goberno do PP pregado á estratexia partidista que lle marcan desde a rúa Génova. “Non coñecemos a posición de Rueda porque non ten unha posición de país a favor de Galiza, senón que ten unha posición partidista a favor do Partido Popular, polo que aquí estamos no de sempre: Madrid manda, Rueda obedece e Galiza perde”, sintetizou.

Neste sentido, apuntou que “Galiza non estivo representada no Consello de Política Fiscal e Financeira” porque o Executivo de Rueda “non foi alí como Goberno galego, senón que actuou como un cargo do Partido Popular”, repetindo “o argumentario que lle mandan desde Génova”.

“Así non se defenden os intereses deste País, senón que o que están defendendo exclusivamente son os intereses electorais do Partido Popular, demostrando unha vez máis que estamos ante o Goberno do PP máis desleal con Galiza da nosa historia”, recalcou.

Pontón exemplificou a “inconsistencia” do Executivo no feito de que, pese a que o Consello de Contas cifraba nun informe do ano pasado en 1.500 millóns o déficit de financiamento que tiñan os servizos básicos co sistema actual, Rueda defendía até “hai dous días” que o financiamento de Galiza tiña que incrementarse só en 500 millóns e “agora di que 570 millóns son un desastre”.

Todo isto, reprochou, “sen negociar absolutamente nada” para mellorar o financiamento porque “está atado de pés e mans “ á estratexia que lle está marcando o PP desde Madrid.

“Rueda non ten alternativa de financiamento porque a súa alternativa é poñer o Partido Popular por diante de Galiza”, criticou ao titular da Xunta, ao que acusou de estar debilitando a posición negociadora do País ao asumir ese “discurso falso” de que Galiza é pobre e vive da solidariedade do Estado, cando a realidade é xusto a contraria.

A portavoz nacional afirmou que “é o Estado quen fai caixa con Galiza” xa que recada máis do que logo inviste no País, tal e como demostran os datos de distintas entidades que analizan a situación económica galega e que cifran en 2022 -último exercicio do que se dispoñen cifras oficiais a nivel estatal- que o Estado recadou en Galiza 13.804 millóns mentres que polo sistema de financiamento só aportou 7.454 millóns, deixando claro “quen está financiando a quen”.  

Neste contexto, incidiu en que o BNG considera “inaceptable” a proposta de financiamento do Goberno central porque, lonxe de reducila, aumenta a discriminación con Galiza. “Isto nunca o imos apoiar, non imos aceptar un modelo ou unha proposta que non é máis que un refrito do actual sistema de financiamento que, ademais, aumenta o agravio co noso País”, recalcou.

Un agravio que evidenciou ao recordar que dos 21.000 millóns de incremento global no sistema de financiamento, Galiza só recibirá o 2,8% fronte ao 23% de Andalucía, o 22% de Cataluña ou o 7% de Valencia. “Só recibiriamos o 2,8% deses novos recursos a pesar de que representamos o 5,1% do PIB e o 5,5% da poboación”, advertiu.

Por iso, incidiu na necesidade de poñer en marcha unha negociación Galiza-Estado que permita conseguir un financiamento xusto a través dun concerto económico e que poña fin a un infrafinanciamento nos servizos básicos cifrado en 1.500 millóns, non polo BNG, senón polo Consello de Contas, reiterou.

“Rueda ten que deixar de actuar como un delegado dilixente de Feijóo en Galiza e empezar a actuar como presidente para defender un sistema de financiamento xusto co País que é o que fai e vai seguir facendo o BNG”, concluíu.