BNG propón crear o Fondo Cantares Galegos dotado con 500.000 euros anuais para fomentar a creación artística galega

Presntación Día de Rosalía

Co gallo da conmemoración do nacemento da escritora, defende a creación do Instituto Rosalía para proxectar a lingua e a cultura galegas no mundo

Pontón: “Rosalía celebraría hoxe o triunfo do pobo galego fronte ao tándem PP-Altri”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo a creación do Fondo Cantares Galegos, dotado de medio millón de euros anuais, para apoiar e fomentar a creación artística galega e facerlle fronte á situación de “desamparo” na que se encontra hoxe en día a maioría dos creadores e creadoras do País.

Xunto a ese fondo, propuxo tamén a creación do Instituto Rosalía para a proxección e promoción da lingua e da cultura galega no mundo, así como o impulso dunha rede “real e virtual”  en torno á ilustre escritora galega.   

Pontón lanzou estas propostas durante o acto de homenaxe organizado polo BNG en Santiago para conmemorar o día do nacemento de Rosalía de Castro, á que se referiu como guía do nacionalismo galego e o “mellor símbolo dun País con orgullo que está farto de humillacións e desprezos”, dun pobo “que se quere e se defende”.

 “Grazas a Rosalía somos unha nación única que ten unha muller como referente fundacional e unha escritora como motor de proxección do mundo”, asegurou a líder nacionalista, que reclamou para Galiza ter “voz propia no mundo, sen intermediarios”, polo que defendeu ter representación directa na Unesco e na comunidade de países de lingua portuguesa.

A portavoz nacional reivindicou a figura da Rosalía “insubmisa e rebelde”, tal e como a definiu Begoña Caamaño, subliñando neste punto o seu discurso de defensa do País, da lingua, das mulleres e das clases populares.

Un legado que o Bloque fai seu, exemplificou, na loita pola liberdade real das mulleres ou na defensa da terra. “Rosalía celebraría hoxe o triunfo do pobo galego, do sentido común, fronte ao tándem PP-Altri que quería colocar unha bomba ambiental no corazón do noso rural”, apuntou.

Afondando nesta cuestión, Pontón salientou que o arquivo do proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei é “un triunfo da dignidade do pobo galego diante da indignidade de Rueda facendo de comercial dunha empresa portuguesa”. Fronte o “franquismo industrial” que defende o PP, o que Galiza necesita son “empresas de vangarda, sostibles e de futuro”, argumentou.

Pontón advertiu que o BNG vai estar “moi vixiante” para que “non intenten coarnos pola porta de atrás a macrocelulosa” e reclamou como garantía que a Xunta denegue a avaliación estratéxica e os permisos de Augas de Galiza ao proxecto de Altri.

Aproveitou, ademais, para esixir máis unha vez transparencia a Rueda e que faga públicos os acordos secretos asinados pola Xunta coa pasteira portuguesa a través da Sociedade Impulsa. “A ocultación é a mellor proba de que eses documentos benefician a empresa e prexudican a Galiza”, considerou.

Do mesmo xeito que Rosalía compartiría con orgullo a vitoria do pobo galego na loita contra Altri, Pontón amosouse convencida de que a ilustre escritora “reclamaría con nós a dignidade e o futuro para o noso idioma” fronte a un Goberno do PP que o “maltrata e o exclúe”. A figura de Rosalía “emerxe como un soporte da nosa reivindicación da lingua, da reclamación do seu uso pleno e normal en todos os ámbitos, do final da discriminación”, expuxo a líder do BNG tras aludir ao decreto que sitúa o galego no ensino como “lingua de segunda”.

Segundo subliñou Pontón, a herdanza da escritora máis ilustre que ten Galiza, da súa obra “única, maxestosa e brillante”, agroma agora na cultura galega de xeito “vivo e diverso” a través da literatura, o cinema, as artes plásticas, a danza ou o teatro. Unha cultura que, como fixo Rosalía, “loita contra todas as adversidades”.

De aí que as propostas feitas polo BNG inclúan, a través do Fondo Cantares Galegos, axudas directas á creación, tanto para traxectorias consolidadas como para novas e novos creadores de menos de 35 anos ou un programa de residencias artísticas e literarias.

A proposta nacionalista pasa tamén por amplificar o “universo rosaliano” a través dunha rede “real e virtual” que una espazos (desde  as estrelas que a nomean até o aeroporto compostelán), persoas ou entidades vinculados a quen é -dixo- “a mellor embaixadora da Galiza viva, creativa, diversa e orgullosa”.     

“Rosalía deixounos unha herdanza inmensa, uns valores que continúan vixentes e forman parte da nosa identidade, de quen queremos traballar cunha carta de navegación que nos conduza a un futuro noso, inclusivo, libre e galego”, concluíu.