BNG propón a creación dun protocolo COVID-19 específico para a tripulación dos buques galegos en alto mar

Néstor Rego
Néstor Rego

A formación nacionalista reclama coordinación entre Goberno do Estado e Xunta para establecer medidas de prevención e actuación no sector marítimo pesqueiro embarcado.Néstor Rego exixe establecer pautas para a futura vacinación deste tipo de tripulación que atenda as características do sector.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acaba de rexistrar unha iniciativa para establecer un protocolo de actuación específico nos barcos que pescan en alta mar que asegure o cumprimento das medidas preventivas para evitar a aparición de surtos a bordo, así como a coordinación das embaixadas e consulados no estranxeiro para o caso de xurdir casos despois de teren partido. Alén do máis, a formación nacionalista tamén se adianta e propón un protocolo para a futura vacinación do sector que atenda as características específicas das e dos traballadores embarcados nestes buques, as datas e duración da súa estancia e garantir a seguranza e saúde.

Nas últimas semanas distintos buques galegos que viaxaban as Malvinas foron retidos en porto por detectar un surto de COVID-19 entre a tripulación. A actuación dos consulados e embaixadas foi dispar e mesmo a información que facilitaron as familias dos mariñeiros foi entre escasa e nula, dependendo do porto e do país de atraque. Mesmo a atención socio-sanitaria foi diverxente entre os diferentes buques. Ante as situacións de incerteza e inseguridade sumado ás eivas que se visualizaron, a formación nacionalista rexistrou unha iniciativa para que se debata sobre a creación e aplicación de protocolos neste sector.

“A Administración do Estado español e a galega carecen dun protocolo de actuación acordado que impida disparidades que se están dando no tratamento duns e outros casos e deben actuar de maneira coordinada” reflexiona o deputado nacionalista mentres apunta que “resulta difícil crer que, despois de só uns días de navegación desde a saída de porto, aparezan casos de COVID-19 se as probas necesarias se practicaron de maneira efectiva e adecuada”. Nese sentido, segundo sinala Néstor Rego, o BNG reclama implantar un “protocolo de actuación específico que asegure o cumprimento das medidas preventivas para evitar, na medida do posíbel, a aparición de surtos a bordo, garantindo a realización de probas de detección coa antelación suficiente”.

Así mesmo, a formación nacionalista urxe establecer de maneira clara as actuacións que se deben adoptar no momento en que se teña coñecemento da existencia dun buque galego ou co porto base na Galiza con tripulantes a bordo positivos en COVID-19. Neste sentido, Rego tamén apunta a necesidade de manter informados en todo momento tanto os afectados como as súas familias e recibir axuda necesaria mediante unha atención sanitaria adecuada e digna. “Deben ser as administracións, e neste caso o Ministerio de Exteriores, a través do persoal das embaixadas e consulados do Estado, as que garantan tamén que, unha vez detectados os surtos, se atenda da mellor forma posible aos afectados e se manteñan ás familias e a eles mesmos constantemente informados. Para iso é fundamental contar cun protocolo claro establecido desde o Goberno para que os axentes consulares actúen de maneira uniforme” afirma Rego.

Por último, Rego reclama que dentro do protocolo de vacinación, se atendan ás circunstancias específicas dos mariñeiros embarcados no alto mar, pois non poderán incluírse na previsión xeral, “deberase atender ás datas e duración das súas estancias en terra para que reciban as dúas doses nese período, e así garantir a saúde dos mariñeiros e a seguridade a bordo”. A creación destas pautas específicas para a vacinación, unha vez aplicadas, sería un muro de contención para posíbeis surtos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG