BNG propón a constitución dun comité de crise ante a situación de emerxencia machista que se está a vivir en Galiza
Noa Presas, tras dous asasinatos machistas en menos de quince días e varios intentos de feminicidio: “Non pode haber pasividade institucional”
Sobre os “13 días de infamia” do ‘caso Villares’, empraza o PP a non ser “cómplice” e poñerse do lado das mulleres e contra a violencia machista
A deputada do BNG e portavoz de Feminismo do BNG, Noa Presas, propuxo a creación dun comité de crise ante a “situación de emerxencia” por violencia machista que se está a vivir en Galiza, cun novo asasinato dunha muller de 49 anos onte na Coruña que sería, de confirmarse, o terceiro feminicidio no que vai de ano en Galiza.
“Non podemos permanecer indiferentes” ante o que está sucedendo, advertiu a deputada que, diante desta “situación absolutamente excepcional” e tras os “trece días de infamia” do ‘caso Villares’, emprazou o PP a aclarar “se está do lado das mulleres e contra a violencia machista ou se é cómplice e parte do problema”.
Presas comezou lembrando os feminicidios de Josefa Fariñas no Bolo, en abril, e de Marisol Costa, en Moaña, a finais de maio, para destacar a continuación que en menos de quince días houbo en Galiza dous asasinatos machistas e varios intentos de feminicidio: o 20 de maio unha muller de 35 anos tirábase pola fiestra dun cuarto piso no Barco fuxindo do seu maltratador, ese mesmo día pola noite foi detido un home de 45 anos en Tomiño por presuntamente intentar matar a súa ex muller e a súa filla incendiando a casa, e o 22 de maio, un home de 36 anos disparaba sete veces á súa parella en Verín.
A deputada do BNG urxiu ás institucións a actuar de maneira inmediata máis tendo en conta que, tanto nos dous asasinatos machistas dos últimos quince días como cando menos en dous dos tres intentos de feminicidio, as mulleres estaban dentro do sistema Viogén, que “fallou e non as puido protexer”. “Isto ten que ser servir de alerta e hai que actuar”, salientou, para engadir que “non podemos permitir a pasividade institucional e que as mulleres pensen que denunciar é inútil”.
Como máxima responsable no País da loita contra a violencia machista, a Xunta ten que “levar a iniciativa” e, tal e como propón o BNG, convocar a todas institucións e organismos implicados, os do ámbito galego, os concellos e os dependentes do Estado, desde o policiais até os xudiciais ou os recursos psicosociais.
Un comité de crise que, explicou Presas, tería tres obxectivos principais: avaliar cada un dos casos de violencia machista máis recentes e revisar se algo fallou; avaliar a situación nun momento —a chegada do verán— no que históricamente se rexistran máis agresións e feminicidios; e revisar o protocolo de cooperación e coordinación institucional e aumentar os recursos dispoñibles.
“É fundamental para enviar unha mensaxe clara á sociedade de tolerancia cero coa violencia machista, de normalización cero dos feminicidios, de que a violencia machista é un problema público e de toda a sociedade”, recalcou.
É por iso que a deputada nacionalista insistiu en reclamarlle ao PP unha rectificación na súa “actuación cómplice” no ‘caso Villares’, tras “trece días de infamia” —afirmou— sen unha soa palabra de solidariedade coa vítima nin de Rueda nin da consellleira de Igualdade nin de ningún outro membro do Goberno galego. Trece días desde que o xa ex conselleiro do Mar fose imputado por agresión sexual “sen explicacións sobre por que o encubriron e ampararon e permitiron que seguise cobrando un salario público, usando coche oficial e sentado no consello da Xunta”.
Rueda ten que comparecer: “É unha obriga democrática e moral”
Presas subliñou que o BNG xa rexistrou no Parlamento unha nova petición de comparecencia de Rueda que, criticou, leva estes trece días de infamia “parapetada en que xa deu dous ou tres canutazos”, pero que aínda ten dar explicacións, entre outras cuestión, sobre quen filtrou a identidade da vítima “revitimizándoa e violando a súa intimidade”, ou sobre o uso de medios públicos da Xunta para facer de “xuíz e parte” proclamada a inocencia do ex conselleiro.
A comparecencia de Rueda “é unha obriga democrática e moral”, apuntou Presas, que cualificou de “indignante” a actuación do presidente da Xunta e de todo o seu executivo neste caso, “enviando unha mensaxe ás mulleres demoledora: que o goberno galego non se pon do lado das mulleres”.
A voceira de Feminismo do BNG concluíu emprazando tamén o PP a cumprir a lei galega de violencia machista, ofrecendo á denunciante que a Xunta poida personarse como parte do proceso xudicial aberto.