BNG propón compensar a Galiza como país produtor de enerxía

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas defendeu un “novo modelo enerxético propio” e instou á Xunta a demandar do goberno central  a “reforma do marco lexislativo eléctrico estatal” para garantir que a  tarifa eléctrica en Galiza repercuta positivamente nos recibos da luz

Apostou por fomentar  equipamentos máis eficientes nos fogares e a  industria e unha  mobilidade sustentábel cun transporte público de pasaxeiros nas áreas metropolitanas e  ferrocarrís de proximidade

A portavoz de Enerxía do BNG, Noa Presas defendeu unha proposición non de lei cominado ao Partido popular a “facer o que non está facendo na Xunta” ante un novo marco enerxético que require de medidas urxentes para que “Galiza non quede atrás”. Para a deputada, urxe “reducir a dependencia dos combustibles fósiles”, loitar conta a emerxencia climática e facer da enerxía “un vector de xustiza social e desenvolvemento económico”.

A nacionalista propuxo “compensar a Galiza” como país produtor de enerxía e para iso, dixo, é preciso que o goberno galego se “anticipe, marque os tempos e defenda os intereses do noso país”. Necesitamos, “unha planificación enerxética propia” que evite repetir no século XXI os mesmos erros do século pasado.

Lamentablemente, a Xunta firmou “vai na dirección contraria” como puidemos constatar  cos últimos cambios normativos que supoñen “unha patente de corso” sen precedentes nunha presunta democracia “tramitando proxectos sen información pública e sen declaración de impacto ambiental”.

A xuízo da deputada, non podemos perder máis tempo e nese sentido, dixo, van as propostas do BNG para reducir a dependencia dos combustibles e que a enerxía en Galiza represente un vector de “xustiza social e desenvolvemento económico”, porque somos “produtores excedentarios netos de enerxía eléctrica, xeramos renovables e axudamos a outros territorios que non teñen a nosa potencia”.

A solidariedade, remarcou a deputada, está  moi ben pero o “colonialismo, non tanto” como aconteceu cos nosos ríos no século XX.

1 de cada 4 xigavatios hora que se producen no Estado español é de  orixe galega

Dende o BNG traemos de novo a Cámara galega  “a necesidade de compensar o papel produtor excendentario de enerxía eléctrica de Galiza” e xa vai sendo hora de que gañemos con esta riqueza. No ano 2020, segundo informes da Red Eléctrica de España, Galiza xerou 24.556 Gwh, consumiu 17.413. O saldo é que exportou o 29% do producido. No 2021, as cifras son similares e por primeira vez na historia, no ano 2020 e 2021, “Galiza xerou máis renovable da enerxía total que consumiu”.

Na defensa da proposición non de lei, Noa Presas remarcou as propostas do BNG cara “un novo modelo enerxético galego”  arredor da prevalencia da protección medioambiental, o impulso da participación pública, o consenso social e a innovación con medidas  reais como:  Impulsar un Mapa de ordenación das enerxías renovábeis, singularmente eólica e fotovoltaica, consensuando e planificando os obxectivos,impulsar un Plan de intensificación das políticas de eficiencia enerxética cun calendario e orzamento específico, fomentar   equipamentos máis eficientes nos fogar e a industria,  mobilidade sustentábel potenciando o transporte público de pasaxeiros nas áreas metropolitanas e fomentar os  ferrocarrís de proximidade, buses urbanos e comarcais.

Na súa intervención, a deputada do BNG fixo fincapé na  xustiza social e económica e instou ao goberno galego a demandar do goberno central a “reforma do marco lexislativo eléctrico estatal” para garantir que o prezo da tarifa eléctrica nun territorio teña en conta a súa situación de territorio produtor excedentario ou deficitario na produción eléctrica,  e que esa riqueza repercuta positivamente na tarifa dese territorio a través do abaratamento das peaxes e cargos.

Tras a intervención da portavoz popular,  Marta Nóvoa Iglesias que criticou que o BNG reclamara un status diferente e beneficioso para Galiza como país produtor de enerxía,   a deputada do BNG replicou  que, unha vez máis, o Partido popular volve a estar ao lado das grandes empresas eléctricas e dunha “expansión eólica” que supón un verdadeiro espolio en Galiza e defendendo unha  visión “centralista”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG