BNG propón unha batería de medidas para combater as altas cifras de suicidios en Galiza fronte á desatención do Goberno do PP

Montse Prado
Montse Prado

Prado denuncia “o papel mollado” que supón o Plan de Prevención do Suicidio en Galiza se continúa sen unha partida específica dos orzamentos para a súa prevención e concienciación

O BNG aposta por investir 21 millóns de euros anuais no Plan de Saúde Mental de Galiza, dotar aos centros de Atención Primaria de profesionais especializados en saúde mental, unidades hospitalarias de atención infanto-xuvenil e ampliar as prazas de psiquiatría e psicoloxía, entre outras accións

O BNG propuxo no Parlamento unha serie de medidas enfocadas a combater as altas tasas de suicidio no País, cunha especial atención ao colectivo das persoas maiores e o infanto-xuvenil, que rexistran as cifras máis altas de suicidios.

A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, desglosou unha batería de medidas que contempla a posta en marcha dun Programa de Intervención Intensiva da Conduta Suicida que conte con equipos específicos por Área Sanitaria; a creación de unidades hospitalarias de atención infanto-xuvenil; a creación na Atención Primaria de prazas de psicoloxía clínica, terapia ocupacional e traballo social que presten unha atención completa para previr e detectar o suicidio; a creación de prazas de formación de persoais de psiquiatría, psicoloxía e enfermería especialista en saúde mental e a promoción de campañas para concienciar e previr as condutas suicidas e de autolesión, tendo en conta factores como a idade ou o xénero.

Unha crise sanitaria que tamén é de saúde mental

Prado advertiu da “altísima prevalencia” do suicidio en Galiza, a segunda Comunidade Autónoma do Estado á cabeza no número de persoas que deciden quitarse a vida, “uns datos alarmantes, xa que colocan esta causa de morte por riba das causas naturais, é un problema sanitario e social de primeira orde”, argumentou, “no último ano foron 331 persoas, a máis dun suicidio por día”. Outra das eivas, denunciou a parlamentaria nacionalista, son as longas listas de espera para recibir asistencia para os casos de saúde mental, “das listas máis altas do SERGAS”, remarcou. Un ascenso constante, xa que “hai un ano había 7020 persoas agardando para unha primeira cita en psiquiatría, hoxe, nas listas de xuño, apareceron 10.000”.

Neste contexto, a deputada do BNG denunciou o “papel mollado” do actual Plan de Prevención do Suicidio en Galiza, “cun orzamento claramente insuficiente” e sen memoria anual de actividade, seguimento ou desglose dos resultados, “é un plan insuficiente en orzamentos e aumento de persoal”, recriminou á Consellería de Sanidade. De feito, o Executivo do PP incumpre ano tras ano a súa promesa de investir 83 millóns de euros en catro anualidades para o Plan de Saúde Mental de Galiza 2020-2024: “Para os orzamentos do 2023 non se contempla nin sequera chegar aos 21 millóns de euros anuais que corresponderían”, criticou Prado.

A parlamentaria do Bloque emprazou ao Goberno do PP a presentar, ademais, unha memoria sobre os resultados do Plan Galego de Prevención do Suicidio, lanzado no 2017, e a “comunicación a esta Cámara dos datos actualizados e precisos”. Demandou tamén a realización dun estudo para determinar as características das persoas suicidas e os efectos da crise da Covid-19 e da crise económica na saúde mental da poboación; uns compromisos que a Consellería de Sanidade se negou a comprometer.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG