BNG propón ao Goberno incorporar ao vindeiro RD-lei a exención de cotas á Seguranza Social para as mariscadoras
O Bloque Nacionalista Galego traslada ao Goberno a necesidade de incorporar ao próximo Real Decreto-lei de medidas para o sector pesqueiro e marisqueiro unha exención extraordinaria das cotas á Seguranza Social para as mariscadoras e mariscadores, tan a pé como a flote, afectados pola mortaldade masiva de bivalvos provocada polos temporais e as choivas torrenciais do pasado inverno.
Esta proposta responde á situación límite que atravesa o marisqueo nas Rías Galegas, onde o sector estima perdas de até 90% da campaña do berberecho, de 95% da ameixa babosa e de arredor de 60% da ameixa xapónica. Unha realidade que obrigou o cesamento da actividade dunha parte moi importante do colectivo, maioritariamente integrado por mulleres, e que terá consecuencias durante os vindeiros anos, xa que a recuperación dos bancos marisqueiros pode prolongarse ata dous anos.
O deputado do BNG subliña que, malia non poder desenvolver a actividade extractiva, as mariscadoras e mariscadores continúan realizando un labor imprescindíbel para garantir a recuperación do recurso, participando na retirada do marisco morto, nas tarefas de limpeza e nas sementeiras. Porén, estes traballos non teñen remuneración, ao tempo que deben seguir asumindo mensualmente o pagamento das cotas correspondentes ao Réxime Especial do Mar.
Por este motivo, Néstor Rego propón que as persoas traballadoras por conta propia incluídas no Réxime Especial da Seguranza Social dos Traballadores do Mar dedicadas ao marisqueo fiquen excepcionalmente exentas do pagamento das cotas mentres non poidan recuperar a súa actividade económica como consecuencia dos efectos das condicións climatolóxicas do pasado inverno.
A medida garante que as persoas beneficiarias continúen dadas de alta no réxime correspondente, preservando así todos os seus dereitos de cotización e o mantemento das autorizacións necesarias para exercer a actividade cando os bancos marisqueiros recuperen a súa capacidade produtiva.
"O sector non pode seguir soportando unha carga económica cando leva meses sen ingresos por causas alleas á súa vontade", defende o deputado BNG, que considera esta medida "de xustiza e de sentido común" para evitar o abandono da actividade e asegurar o futuro dun sector estratéxico para a economía, o emprego e a identidade das zonas costeiras da Galiza.