BNG presentará unha denuncia ante a Valedora do Pobo pola ocultación de información do goberno galego

Daniel Castro
Daniel Castro
Daniel Castro  sinalou  que a documentación que oculta a Xunta afecta a asuntos sobre  sanidade,  residencias de maiores,  concesión de  subvencións, expedientes sancionadores  a grandes empresas por delitos ambientais, “empresas vinculadas a altos cargos e familiares  do PP”, a través de contratos públicos coa Xunta

O deputado do BNG, Daniel Castro lembrou que hai meses, o BNG fixo pública a denuncia da “ocultación sistemática de información ao Parlamento galego por parte do goberno do Partido popular” e ante a persistencia deste proceder “antidemocrático” anunciou que a forza nacionalista presentará “unha denuncia ante a Valedora do Pobo”.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Daniel Castro explicou que a Xunta de Galiza converteuse nun dos órganos “máis opacos e pouco transparentes”, a pesar da súa obriga  de enviar calquera documento solicitado polos deputados e deputadas deste parlamento en menos de 30 días. Sen embargo dixo,  seguimos comprobando  como  “pasan os meses  e a información non chega”.

O nacionalista engadiu  que existe  algunha solicitude que mesmo  van camiño dos “dous anos e medio de espera” de aí que o BNG volva a exixir que “o PP cumpra a lei e entregue os documentos en tempo e forma e de maneira inmediata”.

Feijóo pide en Madrid o que o Goberno galego nega ao Parlamento en Galiza

O deputado criticou que agora que Feijóo está en Madrid reclama o “dereito a garantir a información mentres que el mesmo impediu desde hai case 1 ano os contratos adxudicados a Eulen, empresa na que traballa a súa irmá”. Gustaríanos saber, preguntou o deputado  “que ten que esconder o señor Feijóo sobre estes contratos e a quen quere beneficiar.

Castro recalcou  que a ocultación da documentación representa “unha  vulneración dos dereitos dos deputados e deputadas pero tamén ao dereito á información da cidadanía”. Ademais, a ocultación de datos incide nos temas de especial sensibilidade  como as  actas de inspeccións das residencias de maiores nas que se vulneraron dereitos,  expedientes sancionadores abertos a grandes empresas por delitos ambientais,  documentos referidos á CRTVG, a ENCE ou aos  “11,7 millóns de euros perdoados a empresa Greenalia”  na que traballa a ex conselleira Beatriz Mato. Chegamos a vivir situacións tan surrealistas e sobre todo tan antidemocráticas que “se lle están a perdoar millóns de euros a empresas mentres lle ocultan información ao Parlamento”, remarcou.

Para o deputado, o proceder da Xunta de Galiza constata o dito de  “dime de quen ocultas información e direiche para quen gobernas” ademais  de  actuar como se o  Parlamento galego,  fose a “súa leira particular e non a cámara de representación dos galegos e das galegas”.

O goberno non responde ás preguntas formuladas polo BNG

A falta de documentación, o deputado engadiu que en moitas ocasións, o Goberno galego recorre para responder ás preguntas do BNG  con ligazóns ás comparecencias en comisión ou  a acudir a ver eses documentos a outras cidades durante un tempo limitado e con vixilancia permanente, cando teñen a obriga de remitilos a este Parlamento.

Por iso reiterou o nacionalista,  imos facer valer os nosos dereitos e o dereito do Parlamento  e xa estamos  preparando unha denuncia “diante da Valedora do Pobo” como primeiro paso se o PP continúa con este “comportamento antidemocrático”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG