BNG presenta unha emenda aos Orzamentos do Estado para garantir a intervención pública de Alcoa

Néstor Rego en ALCOA
Néstor Rego en ALCOA

Néstor Rego: “Para o BNG é evidente que, a estas alturas, a única solución realmente duradeira e de futuro é que sexa a SEPI quen compre Alcoa aínda que sexa nunha operación ponte”

A formación nacionalista urxe a tomar medidas efectivas para rematar coa grave crise industrial, social e económica da Galiza

BNG presenta unha emenda aos Orzamentos do Estado para garantir a intervención pública de Alcoa

Bloque Nacionalista Galego rexistra emenda aos Orzamentos do Estado de 2022 para asegurar que se materialice a intervención pública de Alcoa, en San Cibrao, e dar así solución a grave crise industrial, social e económica que atravesa a Mariña e o conxunto do País. Rego adianta que a solución só pode vir da man dunha actuación política decidida do Goberno para que a SEPI merque a fábrica, aínda que sexa de maneira temporal, asegurando os postos de traballo e a continuación da actividade futura da planta.

O Congreso aprobou unha iniciativa presentada polo BNG en que instaba o Goberno do Estado a iniciar, de fracasar as negociacións para a venta de Alcoa, a intervención pública co obxectivo de salvagardar os postos de traballo e asegurar o futuro do proxecto empresarial. Os meses transcorridos de negociacións infrutuosas e as distintas sentencias xudiciais que consideran probada a mala fe da empresa, poñen de manifesto que a intervención pública é a única opción. Debido precisamente a esta falta de avances, os traballadores e traballadoras de Alcoa San Cibrao manteñen una folga indefinida desde o 27 de setembro.

Para a formación nacionalista, o momento de levar a cabo esta actuación é agora. Por iso, rexistra unha emenda aos Orzamentos do Estado para que o Goberno do Estado actúe e dea solución a un dos grandes problemas que afronta o noso País: “a grave crise industrial, social e económica que padecemos coa ameaza de fechamento de moitas empresas e coa perda de postos de traballo”.

A emenda rexistrada busca a creación dunha partida específica cunha contía de 200 millóns de euros que garanta a intervención pública de Alcoa “porque para o BNG é evidente que a estas alturas a única solución realmente duradeira e de futuro é que a SEPI compre Alcoa aínda que sexa nunha operación ponte para despois pasala a un operador industrial que presente un proxecto fiábel, seguro e duradeiro”.

Este proxecto terá que garantir a continuidade da actividade e manter a totalidade dos postos de traballo “mesmo que se poidan crear novos postos de traballo”. “É realmente inconcibíbel que o Goberno español, o Ministerio de Industria, sabendo que é a única solución se resista a dar ese paso  a esa intervención pública e que Alumina pase a ser parte da SEPI”.

“O BNG seguirá reclamando esa intervención e vai continuar traballando nesa dirección. Esta emenda de 200 millóns posibilita que isto poida ser así. Nós temos a expectativa de que o Goberno acabe entendendo que esta é a única solución e, polo tanto, os partidos que o conforman terán que apoiar esta emenda do Bloque Nacionalista Galego” conclúe Rego.

 

BNG presenta unha emenda aos Orzamentos do Estado para garantir a intervención pública de Alcoa