parlamento galego

BNG presenta corenta propostas de resolución no Debate do Estado da Nación para rematar co declive económico, social e demográfico de Galiza

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará afirmou que Pontón representa unha nova  Galiza “innovadora, xusta, científica, inclusiva, e feminista ” fronte a un  Rueda  “esgotado e escribindo o epílogo” do goberno do PP

O viceportavoz do BNG, Luís Bará presentou as corenta propostas de resolucións que o BNG defenderá mañá no Debate do Estado da Nación.

O nacionalista afirmou que as proposta do BNG responden a análise dunha realidade  socioeconómica na que salientou a perda de poboación de 105.000 persoas nestes últimos  14 anos, “unha imaxe definitoria  da xestión política dos goberno do Partido popular en Galiza”.

Fronte esta realidade, constatamos como o goberno do PP  “non ten resposta, e  non está á altura porque só  se dedica a facer oposición e buscar culpables”. É un goberno “descabezado” cun único obxectivo, “conservar o poder” e este é o único plan que nos presentou onte Alfonso Rueda cun programa baseado en dous pes: “a propaganda e os parches”.

O BNG aposta pola  década da ciencia e a innovación

Para o deputado nacionalista é  posible poñer en marcha un país no que as persoas galegas teñan máis dereitos, máis liberdade e benestar e para iso, urxe defender alternativas “transformadoras, equitativas  e democratizadoras”

Alternativas transformadoras para que Galiza poda “producir, xerar emprego e riqueza” e esta, afirmou Bará, é a única maneira de combater o “declive demográfico”. Xa non poden seguir   enganando con “parches” porque para manter a mocidade en Galiza e que retorne a que está fóra é necesario ter un país vivo e que xere actividade económica e si queremos conseguilo temos que sosternos en  tres grandes pancas: “ unha axenda da ciencia e innovación, a axenda da dixitalización e intelixencia artificial e a axenda para a enerxía e o clima”. Hai que darlle  un xiro de 180 graos ás  actuais políticas do PP e fomentar un “modelo enerxético” ao servizo de Galiza e da maioría social.

Alternativas equitativas para  incrementar a xustiza social

Neste ámbito, o viceportavoz do BNG  anunciou que as propostas nacionalistas inclúen restituír “a tarxeta básica, o incremento das pensións non contributivas, o bono escolar e o fondo de rescate hipotecario”. Ademais, urxe “reforzar os servizos públicos básicos” con medios e investimentos que favorezan unha sanidade e educación de calidade así como o sistema de coidados das persoas maiores.  O BNG , tamén  defenderá mañá un “unha política de vivenda baleira” para poñela en aluguer social.

Por outro lado, o feminismo será a marca de futuro de Galiza, e aí defenderemos políticas de loita fronte a “todas as violencias machistas e contra as desigualdades”.

Dende o BNG queremos poñer o foco na ordenación do territorio para construír un país máis cohesionado e compensar ás zonas máis desfavorecidas para iso, urxe poñer un marcha un “fondo de compensación”.

Bará explicou que unha democracia de calidade conleva medios públicos plurais e ao servizo da maioría e a proposta do BNG, en primeiro lugar é “acabar co secuestro da CRTVG” refén  e “gabinete de prensa ao servizo  do Partido popular”. Imos propoñer “unha dirección independente e escollida mediante un  concurso público”.

O viceportavoz do BNG tamén aludiu “ao autogoberno” con máis capacidade de decisión e financiamento e anunciou que  as propostas nacionalistas van na senda de reclamar e desenvolver todas as competencias recollidas no Estatuto, “35 competencias novas así como un novo modelo de financiamento”.

Maña, sentenciou Bará, “veremos dúas formas de concibir Galiza, a que representa o conformismo do PP de Rueda e a ambición colectiva representada por Ana Pontón” porque percibimos que “sopran ventos de cambio político” pero tamén mental, moral, e xeracional nos liderados. Onte vimos a Rueda escribindo o epílogo e vimos a unha Ana Pontón escribindo o inicio dunha nova Galiza, “innovadora, xusta, científica, inclusiva, feminista e máis democrática”, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG