BNG presenta a campaña de celebración do Día da Patria baixo o lema ‘Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía’
A secretaria xeral de Organización, Lucía López, e a responsable da área de Comunicación, Olalla Rodil, presentaron en Santiago a campaña de celebración do Día da Patria que, baixo o lema ‘Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía’, desenvolverá o BNG con preto dun cento de actos públicos, repartos informativos, ruadas e un amplo abano de actividades que concluíran, como xa é tradición, na grande manifestación polas rúas de Santiago o 25 de xullo.
Unha mobilización á que o BNG convida á participación masiva do conxunto dos galegos e das galegas para celebrar o orgullo de selo, máis tamén para reivindicar a construción dun futuro mellor para Galiza entre todos e todas.
López recordou neste sentido que o Día da Patria “é mais que unha data simbólica no calendario”, é “a expresión da vontade do pobo galego de avanzar cara a un marco político no que Galiza poida exercer plenamente os seus dereitos”, un marco, recalcou, que permita aos galegos e ás galegas decidir e “aplicar políticas propias decididas, integramente desde aquí”, xestionar os seus recursos “ao servizo das maiorías sociais” e construír un País “mellor para todas e todos”.
No ano Castelao, e baixo un lema que homenaxea e recolle o seu legado, apuntou Rodil, o Bloque quere reivindicar a súa figura e o seu pensamento como “guieiro na defensa dos dereitos nacionais e sociais do pobo galego”. “Como Castelao, hoxe dende o BNG defendemos unha Galiza soberana, dona de si mesma, que poida decidir o seu futuro sen máis límite que a propia vontade do pobo galego”, sintetizou.
Nesta liña, a secretaria de Organización explicou que a campaña “ampla e participativa” que vai intensificar o Bloque ao longo do País até o 25 de xullo, coa implicación directa da súa militancia e base social, sitúase nun “contexto de deterioro social e económico”, marcado pola “perda de poboación, a precarización da vida e a agresión constante aos recursos naturais e ao territorio”.
“Un modelo imposto polo PP na Xunta que actúa como axente comercial das grandes multinacionais, entregando o País a intereses alleos”, advertiu López, quen sinalou ao espolio eólico, a ameaza da macrocelulosa de Altri ou a posible reapertura da mina de Touro-O Pino, como exemplos “dunha política ao servizo do negocio duns poucos” e en contra dos intereses dos galegos e das galegas.
Por iso, explicou, o BNG reclama un novo marco político para Galiza que lle dea “capacidade real para decidir sobre os seus recursos enerxéticos, produtivos e económicos”. “Queremos que o noso País poida decidir sobre a súa riqueza e poñer esta riqueza ao servizos do noso pobo, queremos soberanía, como reza o lema desta campaña, para decidir sobre os nosos recursos e para que estes revertan no benestar das galegas e dos galegos”, indicou.
Soberanía para “construír servizos públicos fortes, garantir unha vivenda digna, os coidados como un dereito e non como un negocio, igualdade real entre homes e mulleres nunha sociedade que respecte a diversidade ou para facer que o galego, a lingua propia, estea viva e plenamente normalizada”, exemplificou.
Nun contexto internacional “no que o clamor pola xustiza e pola paz resoa con forza”, a responsable de Organización apuntou tamén ao Día da Patria como unha data para defender causas como a palestina. “Desde Galiza nin podemos nin queremos calar diante do que está a acontecer na Palestina e denunciamos con firmeza o xenocidio que está a perpetrar o Estado de Israel contra o pobo palestino, coa complicidade da Unión Europea e dos Estados Unidos”, defendeu.
Neste sentido, reafirmou o carácter “pacifista, antiimperialistas e antimilitarista” do BNG nuns “tempos de regresión” onde “medran os discursos de odio, o autoritarismo e a escalada belicista”. “Por iso, o Día da Patria Galega é moito máis ca unha manifestación, é un gran exercicio de mobilización que encherá as rúas de Compostela no que conflúen todas esas loitas, a defensa da terra, dos dereitos sociais, da lingua galega, do feminismo, da diversidade, da paz e da soberanía”, resumiu.
A responsable da área de Comunicación afondou pola súa parte na imaxe da campaña, para a que como é habitual o Bloque apostou polo talento dos creadores e as creadoras galegas, neste caso o de Pruden e Lúa, e na que Castelao ocupa un lugar central, tanto no lema como na liña gráfica.
Rodil quixo recordar que Castelao era “un nacionalista galego”, o que considerou preciso lembrar nuns tempos nos que hai quen quere, especialmente o Partido Popular, “desposuílo de toda a súa carga ideolóxica, quitarlle o que facía a Castelao ser o que era, a súa ideoloxía e o proxecto político nacionalista”, advertiu.
E se hai unha causa que simboliza perfectamente a dupla loita de Castelao e do BNG hoxe, a da defensa dos dereitos nacionais e dos dereitos sociais dos galegos e das galegas, é “a loita na defensa do territorio fronte ao espolio e á rapiña”, engadiu, en referencia á ilustración dunha pancarta de ‘Altri Non’ que tamén se inclúe na imaxe da campaña e que simboliza, indicou, “esa loita na defensa dunha Galiza dona de si que poña os seus recursos naturais ao servizo dos intereses do pobo galego”.
“As galegas e os galegos poden ter claro que teñen no BNG a forza e o motor para facernos valer, estamos no mellor momento da nosa historia e dende o Bloque Nacionalista Galego queremos convidar ao conxunto da sociedade galega a participar no Día da Patria, a conmemorar e festexar, pero sobre todo a reivindicar o orgullo que temos de ser galegos e de ter moitísimo por gañar”, concl