Parlamento Galego

BNG preguntará a Rueda por que o seu Goberno non actuou antes no caso “gravísimo” da residencia de maiores de Amoeiro

Olalla Rodil

Olalla Rodil considera inadmisible que algo así poida acontecer en Galiza e pregúntase “cantos máis Amoreiros hai” no País

A negativa do PP a condenar o xenocidio en Gaza e a ocultación de máis de 400 lumes por parte do Goberno do PP en agosto, outros temas do Pleno

A viceportavoz primeira e portavoz de política Social do BNG, Olalla Rodil, considera inadmisible o acontecido na Vivenda Comunitaria Jardín de Amoeiro, clausurada despois de que inspección de traballo acudise por unha denuncia laboral e atopase as seis persoas usuarias do centro malnutridas e deshidratadas.

“É gravísimo e inadmisible que algo así poida acontecer en Galiza. Cantos máis Amoeiros hai en Galiza?”, preguntouse.

É por iso que, na a pregunta ao presidente, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediralle explicacións a Rueda de por que o seu Goberno non detectou a situación na residencia.  “O presidente da Xunta ten que dar explicacións porque isto é gravísimo”, manifestou Rodil, tendo en conta que, segundo indicou, a Xunta xa recibira denuncias con anterioridade. “Por que non actuou ata que foi alí a inspección de traballo?”, recriminou.

Despois de que o PP vetase a comparecencia a petición do BNG da conselleira de Política Social, a formación nacionalista formularalle unha interpelación sobre o caso de Amoeiro e, tamén, sobre a situación na que se encontran os servizos de atención ás persoas maiores e dependentes en Galiza.

Rodil incidiu, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, en que o BNG leva moitos anos denunciando as consecuencias do grao de privatización das residencias de maiores no País—8 de cada 10 prazas son privadas—, a falta de persoal, ou a opacidade da Xunta coas irregularidades detectadas polos servizos de inspección. Segundo expuxo, “ata os propios inspectores denunciaron que se filtraban por parte da Xunta datas e horas de inspeccións a algúns centros”. Unha denuncia pola que a Xunta abriu un procedemento contra os propios inspectores na vez de investigar os feitos.

Berro masivo contra o xenocidio en Palestina

Trala multitudinaria manifestación do pasado domingo para condenar o xenocidio e a ocupación en Gaza, a viceportavoz do BNG anunciou que “imos traer ao Parlamento o berro masivo, non só en Galiza, senón en todo o Planeta” para preguntarlle ao PP se vai seguir apoiando a Israel e negando o xenocidio contra o pobo palestino.

“Que é o que ten que pasar, cantos milleiros de persoas máis ten que asasinar o Estado de Israel para que o Goberno do PP actúe, condene o xenocidio e se poña do lado do dereito internacional e da vida?”, cuestionou Rodil.

A preguntas de xornalistas sobre a convocatoria dunha reunión extraordinaria da Xunta de Portavoces solicitada polo BNG para condenar o asalto en augas internacionasi a Global Sumud Flotilla por parte de o Estado de Israel , a deputada lamentou que o PP a tivese 5 dias nun caixón desde a súa solicitude o día 2 de outubro. Criticou que o PP, ademais de facer un uso “partidista” e “sectario” das institucións en lugar de poñelas ao servizo dos e das galegas, o que agocha é a súa “negativa a condenar o xenocidio”.

O PP ocultou máis de 400 lumes entre o 1 e o 18 de agosto

O terceiro gran asunto que o BNG levará a Pleno a vindeira semana é a ocultación por parte do Goberno do PP de máis de 400 lumes acontecidos entre o 1 e o 18 de agosto,  tal e como informou o xornal Praza tras un traballo de investigación, onde se indica que a Xunta só informou sobre 45, dun total de 492. “Aquí alguén terá que explicar por que se ocultou esta información á sociedade galega”, lembrando que deixaron fóra dos datos da Xunta casos de “altísimo valor ecolóxico” como o de Pena Trevinca”. “O PP quere pasar páxina, marchar de vacacións, como se non pasase nada”, agregou.

Ante o veto do PP á comparecencia da conselleira do Medio Rural, o BNG levará a como proposta ao Pleno o seu plan “Da Cinza á vida”, con máis de 50 medidas para cambiar o rumbo da política forestal e para “converter Galiza nun espazo que protexe a súa poboación e o seu medio dos incendios e non nos convirtamos cada ano nun polvorín cada vez máis perigoso”, anunciou Rodil.

Transferencia da AP-9 libre de peaxes

Tamén a preguntas de xornalistas sobre o desbloqueo esta mañá  da tramitación da lei de transferencia da AP, grazas ao BNG,  Rodil subliñou o traballo no Congreso da formación nacionalista, que con só un deputado, “unha pinguiña nun espazo moi grande”, conseguiu facer que este País avance para mellor e sempre na defensa dos intereses das galegas e dos galegos”.